Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta anuncia a reconstrución das pontes de Santo Tome e San Xurxo, en Lourenzá

LUGO .- A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, visitou hoxe o concello de Lourenzá para revisar o estado de dúas pontes que resultaron deterioradas durante as riadas do pasado inverno. As dúas dotacións deberán ser reconstruídas para dar servizo de novo, unhas actuacións das que se encargará o Executivo galego a través de ambos e dous proxectos promovidos pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e a Consellería de Medio Rural.

Trátase en concreto das pontes das parroquias de San Xurxo e Santo Tomé, que permanecen pechadas ao tráfico dende finais de xaneiro, co conseguinte prexuízo para os veciños da zona e usuarios de ámbalas vías en xeral.

En primeiro lugar acometerase a reconstrución da ponte de San Xurxo, da que se encargará o organismo Augas de Galicia, dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. As obras, que se prevé que comecen coincidindo co verán, poderían estar rematadas antes do outono, segundo as indicacións dos técnicos. Na zona xa se realizaron traballos de limpeza para retirar material arrastrado polas riadas.

As obras na ponte de Santo Tomé serán executadas directamente pola Consellería de Medio Rural e servirán para restaurar a conexión coa zona de Canedo. En torno a 150 veciños utilizaban a diario esta vía de acceso, ao igual que o persoal dunha canteira, e vense agora obrigados a perder tempo realizando traxectos alternativos.

A delegada territorial subliñou a dilixencia coa que a Xunta de Galicia respondeu aos danos ocasionados na Mariña polos temporais ocorridos este inverno, comezando polas actuacións de maior envergadura ou que podían afectar á seguridade das persoas, como a estabilización de noiros nas estradas.

Arias destacou que os traballos das pontes de Lourenzá “restablecerán a rede viaria do concello, recuperando dotacións importantes para os pobos; sabemos que o peche de ambas causan trastornos aos veciños e confiamos en que poidan estar en funcionamento no menor prazo posible”. Durante a visita, a delegada estivo acompañada polo alcalde de Lourenzá, Vidal Martínez Sierra.

Exit mobile version