Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta descoñecía totalmente a realidade urbanística de Foz cando elaborou o POL, asegura o BNG

Nota de Prensa

O BNG DE FOZ AFIRMA QUE A XUNTA DESCOÑECÍA TOTALMENTE A REALIDADE URBANISTICA DE FOZ CANDO ELABOROU O POL

“Con este Plan do Litoral o desenvolvemento urbanístico de Foz queda totalmente afectado” afirma Basanta

Foz, 14 de abril de 2010.- O BNG, despois da reunión de onte co Director Xeral de Sostibilidade e Paisaxe da Xunta de Galiza, sacou a conclusión que á hora de elaborar o Plan de Ordenación do Litoral a Consellaría de Medio Ambiente descoñecía totalmente a realidade urbanística do Concello de Foz.

Para o BNG este documento –que se pretende aprobar antes do 15 de maio- non ten a máis mínima consideración co planeamento vixente nin co Plan Xeral en tramitación, aínda que o Director Xeral quedou en recoller algunhas das propostas plantexadas polo Concello e polos redactores. “Con este Plan do Litoral o desenvolvemento urbanístico de Foz queda moi tocado” afirma Basanta. Hai que darse conta que o ámbito de afectación do POL coincide cos ámbitos que o Plan Xeral sinalaba máis adecuadas para medrar, que por outra parte foi desde sempre onde os veciños e veciñas de Foz se asentaron tradicionalmente, é dicir, ao longo da franxa costeira. Neste sentido, o BNG aínda está esperando unha resposta coherente e razoada de porque núcleos tradicionais como Cangas, Nois, Fazouro, Marzán, Mañente ou a Espiñeira non están recoñecidos como núcleos de identidade do litoral, como está por exemplo o núcleo de Rinlo, en Ribadeo.

A maiores e desde un punto de vista técnico -como ben afirman os redactores do Plan Xeral de Ordenación Municipal no seu informe-, este Plan de Ordenación do Litoral carece da suficiente concreción nas súas determinacións e ausencia de documentación básica –como as fichas de unidades da paisaxe- para ser aprobado inicialmente e polo tanto, o BNG de Foz volve a reiterar a súa oposición a este documento, solicitando a súa retirada e a redacción dun novo documento onde se teña en conta a realidade de cada concello e as competencias urbanísticas dos mesmos para ordenar o seu territorio. “Non se pode trazar unha liña ás cegas como fai este plan e querer ordenar todo desa maneira” concluíu Basanta.

Exit mobile version