Site icon Crónica3.com A Mariña

Agresións

Nesta sociedade nosa, tan tecnificada, dominada pola cultura televisiva e demais formas de comunicación, termos como “agresión”, “violencia”, “vandalismo” e sinónimos acadaron significada preponderancia que sen dúbida responde á realidade social que se manifesta nos aspectos da vida cotidiana: dende o ámbito familar, mais privado, ata os espacios da convivencia colectiva, os lugares de lecer, e mesmo non se libran deste maltrato o patrimonio natural e o cultural, a paisaxe nen os pousos da historia e as obras de arte, moitas delas singulares, únicas, que herdamos dos nosos devanceiros, agresións moitas veces consumadas por institucións que teñen a obriga de ser gardiáns da integridade, defensa e conservación das mesmas e do seu entorno. En Foz temos exemplo claro de semellantes tropelías: pretiño da basílica de San Martiño hai algún tempo foron construídos uns servicios hixiénicos que son mostra patética da contundente barbarie, ó pé mesmo da basílica, unha xoia da historia e da arte, en cuios valores non vamo incidir, por coñecidos de todos. Lembremos si acaso que foi declarada Munumento Nacional hai 75 anos. No seu día os veciños do lugar alzaron a voz rexeitando tal disparate, e mesmo presentaron ós gobernantes o anteproxecto dunha alternativa racional: en mellor ubicación e total respeto ás vellas pedras monumentais. Pero o que manda non roga e as cousas quedaron como están, para escándalo de estranos e vergoña de propios. E unha nova ameaza pende sobre aquel cenobio: trátase do trazado da autovía que polas obras do corredor cruzará aquela parroquia; cuio primeiro proxecto, que masacraba paraxes tan carismáticos como O Carme e Bispo Santo, foi rexeitado por distintos estamentos sociais. Días pasados os xornais daban conta de que Fomento – responsable das obras- se comprometía a respetar a basílica e o seu impacto, e que mantén contactos con Patrimonio, actitude ésta que nos parece coherente, pero que non garante nada, porque os retretes de San Martiño foron construídos co “placet” e visto bó do devandito organismo. Pidamos, pois, que “Deus nos pille confesados”.

Exit mobile version