Site icon Crónica3.com A Mariña

As vantaxes do porto de Ribadeo

O éxito da relación entre o Porto de Mirasol e a empresa Ence-Navia baséase nunhas peculiares características que require o transporte da pasta de papel. A manipulación da mesma ten que ser coidadosa. Canto máis se ande con ela, máis calidade perde. Así, a presión que hai que exercer sobre cada paquete cada vez que ten que ser trasladado, máis prexudicial será cantas máis veces sexa portado. Á súa vez, tamén son moi importantes as condicións en que se desenvolve o transporte, nomeadamente a limpeza e a calidade do ar. A pasta de papel fabricada por Ence-Navia é de moi boa calidade. Case se podería afirmar que fabrican á carta, segundo o pedido específico de cada empresa compradora.

Como se pode satisfacer desde o porto de Mirasol este nivel de esixencia? Cada vez que chega un barco e descarga, inmediatamente un técnico pode proceder a inspeccionalo e determinar se cumpre as condicións óptimas para o transporte de pasta de papel. Cunha chamada á factoría de Navia ponse en marcha todo o proceso e, en pouco tempo, a mercadoría é trasladada desde a vila asturiana ata Ribadeo. O proceso de manipulación é rápido, eficaz e pouco custoso para a calidade da pasta de papel.

Fronte a este sistema, pódese botar man do ferrocarril. A posta en marcha do proceso de xeito inmediato pérdese. Se se procede a trasladar a mercadoría por tren ata O Musel o proceso alóngase. A disponibilidade de navío non é tan inmediata, habería que manipular a carga ao introducila nos vagóns e volver a manipulala para trasladala ata o barco correspondente. Os tempos de espera agrándanse. As condicións medioambientais serán de peor calidade. Visto o visto, é ben rechamante a maior competitividade do porto de Mirasol con respecto ao do Musel.

+ certo, xa o comentamos anteriormente, que ao ampliar Ence-Navia a súa capacidade de produción, desde Ribadeo hai que aumentar tamén a súa capacidade de carga. Ata o ano pasado, Mirasol podía xestionar ata 200.000 Tm. de produción da papeleira de Navia. Os cambios referidos xa se foron notando (en cantidade de materia producida) ao longo de 2009 e seguen a notarse en 2010, ano no que se agarda que remate o proceso de ampliación. Pois ben: Ribadeo xa ten demostrado ao longo deste ano e medio a capacidade de absorción de nova carga. Pero aínda así, ante esta nova tesitura, cómprelle ir a máis na súa capacidade de traballo (tanto con novas infraestruturas portuarias, como garantindo a capacidade óptima de estiba).

Non é de recibo que, unha vez abandonado o proxecto de construción da nave polo rexeitamento provocado, desde o anterior equipo de xestión de Portos de Galicia non se puxeran en marcha outro tipo de propostas para manter a atención de Ence-Navia sobre Mirasol. Co cambio de responsábel mudaron as cousas. A oferta feita reforza a competitividade do porto ribadense. Con ela non se pretende acaparar todo o mercado; tan só especializar o traballo de Mirasol naqueles aspectos que o fan máis competitivo. Queda marxe para outras mercadorías (a madeira nomeadamente) vía ferroviaria desde O Musel.

Porén, semella que desde o goberno do Principado houbera unha loita sen cuartel contra o Porto de Mirasol. Defenden a súa opción; é normal. Outra cousa é a absurda e prepopotente actitude dalgún responsábel político asturiano. En todo caso, temos que reclamar que Feve adopte unha actitude máis neutral. As declaracións de Ángel Villalba non foron atinadas. De entrada tomou partido abertamente por unha das partes interesadas. Acaso o convenio asinado implica cláusulas descoñecidas que o obriguen a apostar abertamente polo Musel? Ou o que é peor, pretende Feve acaparar todas as mercadorías para o seu transporte (madeira e pasta de papel)? Estaría ben sabelo. Igual lle habería que preguntar ao ministro de Fomento a súa opinión ao respecto.

Farruco GRAÑA

Exit mobile version