Site icon Crónica3.com A Mariña

Asegura o PP que a nova Lei do Solo que entra hoxe en vigor permitirá rachar “cunha situación insostible”

Nota de Prensa

O Grupo Popular celebra que esta sexa “a lexislatura da aposta real pola ordenación do territorio”, á que contribuirán tamén as Directrices de Ordenación do Territorio e o Plan de Ordenación do Litoral, despois da “inacción e irresponsabilidade do Bipartito”

ROMÁN RODRÍGUEZ SALIENTA QUE A NOVA LEI DO SOLO QUE ENTRA HOXE EN VIGOR PERMITIRÁ  AXILIZAR OS PLANEAMENTOS URBANÍSTICOS NOS MUNICIPIOS E RACHAR “CUNHA SITUACIÓN INSOSTIBLE”

* O voceiro de Ordenación do Territorio do Grupo Popular resaltou que o Plan de Ordenación do Litoral “ten total garantía xurídica”, mentres que a Lei dos 500 metros “tivo efectos perversos”, xa que “non foi capaz de frear a construción na costa”.

Santiago, 21 de abril de 2010.- O voceiro de Ordenación do Territorio do Grupo Parlamentario Popular, Román Rodríguez, salientou hoxe en rolda de prensa que a nova Lei do Solo que entra hoxe en vigor permitirá axilizar os planeamentos urbanísticos nos municipios e rachar “cunha situación insostible”. Nese sentido, o deputado lembrou que actualmente 275 concellos carecen de planeamento adaptado e só 40 están adaptados á Lei 9/2002. A modificación da Lei do Solo supón a axilización da tramitación administrativa para os planeamentos municipais, mediante a redución de prazos para informar por parte da Xunta, de 3 a 2 meses, e mediante a vinculación nunha única tramitación da Avaliación Ambiental Estratéxica e a tramitación urbanística.

Ademais, posibilita un novo réxime de solo de núcleo rural para adaptalo á realidade xeográfica de Galicia, favorecendo o asentamento de actividade económica e de vivenda para compactar núcleos e reducir a despoboación; e dota de maior competencia aos concellos para informar e tramitación expedientes en solo rústico, sen rebaixar os criterios esixidos na lexislación, e adaptar os plans xerais ás características específicas de cada termo municipal. O deputado do PPdeG remarcou, así mesmo, o alto grao de consenso acadado para a reforma da lei a través do acordo coa FEGAMP e da introdución de recomendacións do Consello Económico e Social, do Ministerio de Vivenda e das emendas dos grupos políticos.

Segundo salientou Rodríguez na súa comparecencia ante os medios de comunicación, o Grupo Popular celebra que esta sexa “a lexislatura da aposta real pola ordenación do territorio”, á que contribuirán tamén as Directrices de Ordenación do Territorio (DOT) e o Plan de Ordenación do Litoral (POL), despois da “inacción e irresponsabilidade do Bipartito”. “Estamos practicamente na mesma situación que hai 5 anos debido ao pasotismo do bipartito nesta materia, que non foi quen de presentar avances significativos na elaboración destes dous instrumentos de ordenación”, apuntou.

FOZ E BARREIROS

O voceiro de Ordenación do Territorio do Grupo Popular resaltou que o Plan de Ordenación  do Litoral “ten total garantía xurídica”, mentres que a Lei dos 500 metros “tivo efectos perversos”, xa que “non foi capaz de frear a construción na costa”. A ese respecto, referiuse aos datos do Colexio de Arquitectos de Galicia, segundo os cales “os anos de máxima concesión de licencias nos concellos litorais foron os do período bipartito, mesmo pese á prohibición”. Así mesmo, puxo o exemplo de Foz, cuxo concello concedeu licencias para 1.300 vivendas “nun só día” e pediu que as críticas que se fan ao caso de Barreiros, “se apliquen tamén a Foz”.

“Tardaron case dous anos en sacar a Lei dos 500 metros e despois non iniciaron os traballos técnicos ata finais de 2008”, sinalou Rodríguez, quen engadiu que “en 2004 estabamos en primeira liña de planificación xunto a Cataluña e Cantabria e pola súa inacción agora imos na cola”. Agora, en cambio, indicou, “estase facendo un enorme esforzo de planificación”, con consultas aos concellos e corrixindo erros técnicos. “O que realmente importa é a filosofía de ordenar e planificar de xeito sostible e non prohibir sen ningunha alternativa como facía o Bipartito”.

Respecto das DOT, o parlamentario popular destacou que actualmente estase a elaborar o informe de avaliación ambiental previo á aprobación inicial e cualificou de “chapuza administrativa” a actuación do Bipartito respecto a este instrumento, xa que “aprobaron ilegalmente as directrices, ao non sometelas a avaliación ambiental, o que obrigou a reiniciar os trámites”.

Román Rodríguez acusou aos socialistas de criticar agora “o que foron incapaces de facer cando tiveron oportunidade” e destacou as contradicións do seu discurso “pois agora piden que se prorrogue un ano máis a moratoria dos 500 metros, cando en abril de 2009 a exconselleira Caride, estando en funcións, dicía que se podía levantar xa o veto nun 20% da costa”.

Igualmente, lamentou a dobre linguaxe do BNG, que afirma que o POL “é pouco proteccionista, pero despois nos seus concellos protestan por xuto o contrario”. Para o deputado do Grupo Popular, o modelo territorial do BNG é “que protexan outros”.

Exit mobile version