Site icon Crónica3.com A Mariña

Burela mellorará a iluminación e pavimentación do parque de Tíjola

BURELA (FNC) .- O Concello de Burela acometerá a mellora da iluminación e pavimentación do Parque Tíjola a través do POS 2010. O investimento ascende a 45.422 euros, dos que 22.711 serán aportados polo goberno central, 11.355 pola Deputación de Lugo e 11.355 euros máis por parte do Concello. Segundo explica o concelleiro de Obras e Servizos, Pascual Doménech, “despois de presentar o proxecto, nas últimas horas recibimos notificación do ente provincial sobre a súa aprobación e sobre o reparto do gasto”.

O edil socialista subliña que “o que pretendemos é mellorar a iluminación en toda a zona do Parque Tíjola, onde colocaremos luminarias de tecnoloxía LED, substituíndo ás actuais á vez que se aumenta un par de puntos para mellorar a iluminación. Así mesmo, dotarase de iluminación pública o seu acceso dende a rúa Celso Emilio Ferreiro, xa que actualmente carece de ela. Toda esta zona é moi usada como estacionamento e como lugar de comunicación, xa que da saída e solución ao aparcamento na Avenida de Arcadio Pardiñas, polo que é moi transitada tanto por vehículos como por viandantes”.

Pascual Doménech Gruñeiro engade que “o Concello, dentro da súa obriga de executar obras de mellora de infraestruturas e equipamentos públicos, considerou de necesidade esta obra, xa que neste parque tamén se atopa unha zona de xogos infantís e era unha petición moi demandada polos veciños debido á precariedade do alumeado existente actualmente”.

Exit mobile version