Site icon Crónica3.com A Mariña

Buxiganga 2010 arranca na Mariña para levar 90 función de teatro a 45 concellos

FOZ .- A vila de Foz verá arrancar o proxecto de circuítos teatrais “Buxiganga” na edición 2010. Hoxe ás 20:00 horas o grupo de teatro ARDORA representará na vila mariñana a obra Estigmas. O pasado martes o responsable de Cultura da Deputación, o nacionalista Antonio Veiga, presentaba, no museo do mar de San Cibrao, este innovador programa posto en marcha pola Área de Cultura da Deputación para o impulso ao teatro afeccionado. Na prensentación Veiga anuciou que, este ano, con respecto ao 2009, ademais de incrementárense o número de grupos de teatro, incrementouse o orzamento xeral do proxecto até aproximadamente 75.000 euros, o que vai permitir que todos os 16 grupos de teatro afeccionado que participan no programa sumen en conxunto 90 funcións en 45 concellos de Lugo.

Case a metade dos grupos de teatro que participan en Buxiganga son da Mariña (sete de dezaseis en total), e estes grupos realizan, grazas ao apoio da Área de Cultura da Deputación, un total de 40 actuacións por diferentes concellos lucenses. Os grupos de teatro da Mariña dentro do proxecto Buxiganga son: A Adala, Axóuxere se Batán de Foz, Ardora de San Cibrao, o Bordelo de Cervo, Raiolas de Alfoz e TeatroCrea de Viveiro. Ademais, os concellos tamén se benefician deste programa ao acoller diferentes concellos mariñaos un total de 25 actuacións teatrais subvencionadas pola Área de Cultura da Deputación.

Por outra parte, Antonio Veiga tamén anunciou que a Casa da Cultura de Burela, dentro do programa de formación introducido este ano como novidade en Buxiganga, acollerá un curso de técnicas interpretativas que se desenvolverá o 3, 10, 17, 24, 31 de xullo; e o 4, 11, 18, 25 de setembro.

ARDORA (San Cibrao – Cervo)

Os experimentados mariñeiros de San Cibrao aproveitaban a fosforescencia natural que na noite desprende un grupo de peixes para poder pescalos. A ese brillo chámaselle ardora. Isto é un brillo colectivo onde todos os peixes contan pero ningún é imprescindible. Este é o fundamento dun grupo de mulleres que formaron o grupo de teatro Ardora, colectivo que parte coa ilusión de que o seu traballo non sexa flor dun día, senón que prenda como unha alternativa de expresión cultural dun pobo cunha profunda tradición creativa. O día 6 de maio de 2007 facía a súa presentación Ardora teatro ante o público de San Cibrao. Coa súa primeira peza A criada xorda acadou éxitos notables en varias localidades do Concello e fóra del.

No ano 2008 o colectivo Ardora repite a experiencia do obradoiro teatral e, despois de varios meses de ensaio, estrea o 14 de xuño a súa segunda peza titulada Desde O Porto a San Ciprián, a cal foi representada nos concellos de Foz, Viveiro, Xove, Alfoz e nas VIII Veladas no Souto de Cervo.

No ano 2009 preparou Estigmas para ser estreada en xullo, con motivo da celebración das festas patronais de San Cibrao na Casa da Cultura. Todas as obras son orixinais de Francisco Piñeiro e están dirixidas por María Paz Rodríguez Silva.

ESTIGMAS

A contribución real das mulleres na historia dos pobos, xeralmente, non foi valorada con obxectividade. As máis das veces foron ninguneadas ou, como moito, consideradas elemento complementario, cando non decorativo. Hoxe en día, camiñando polo carreiro da igualdade, recoñécese o protagonismo feminino como unha das pedras angulares da evolución social, co cal o ser humano que nace muller xa non leva esa marca indeleble, tal fose un estigma que lle impidía pensar ou berrar libremente e con orgullo: eu quero ser muller.

Duración da peza

75 min

Autor da obra

Francisco Piñeiro González

Dirección

María Paz Rodríguez Silva.

Exit mobile version