Site icon Crónica3.com A Mariña

“Este ano de Goberno do PP resúmese en máis desemprego e máis desvergoña”, asegura o BNG

Nota de Prensa

Veiga afirma que este ano de Goberno do PP resúmese en máis desemprego e máis desvergoña

O BNG solicitará no Parlamento a comparecencia de Feixoó para que explique a imputación do Alcalde de Barreiros e do Presidente de Portos de Galiza.

O Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego vai solicitar no Parlamento autonómico que o Presidente da Xunta explique a súa posición sobre a imputación por parte da fiscalía do Alcalde e da Xunta de Goberno de Barreiros así como do Presidente de Portos de Galiza nun caso ou noutro implicados en supostos delitos contra o territorio na Comarca.

Os nacionalistas non podemos dar por bo que o Partido Popular amparado nunha maioría absoluta estea a converter a comarca nunha lameira no que aparecen día si e día tamén informacións que implican a dirixentes deste partido en actividades supostamente ilícitas. “O   PP débelle unha explicación a sociedade que non pode ficar en escusas de mal pagador ou en declaracións nas que se pretende intimidar aos xuíces. Isto é o PP ten que dicirnos se lle parece ben que persoas imputadas segan na vida pública ou non, que persoas con sentencias firmes enriba segan na vida pública ou non, en definitiva o PP debe saber que a lexitimidade non dan os carros de votos senón un sentido ético no exercicio dos cargos públicos” afirmou Veiga.

Na mesma liña Antonio Veiga quixo referirse as declaracións do Presidente Feixoó tras o Consello da Xunta no que afirmaba que se o Concello de Barreiros non aportaba a parte que lle corresponde a Xunta non ía participar do Convenio Urbanístico de Barreiros.”As palabras do Presidente da Xunta deixan claro que o Convenio non é máis que un paripé para regularizar unha situación ilegal. Agora está claro que os investimentos en Barreiros que se van a acometer van saír na práctica en exclusiva dos veciños de Barreiros. Estamos diante dun atraco en toda regra ao diñeiro público para salvar aos de sempre . En todo caso se o PP está tan seguro de todo o que está a facer en Barreiros é legal por que lle ten medo a que segan a andar os procesos na xurisdición do contencioso. Moito nos parece que Barreiros vai ser un Rinlo dous” afirmou Veiga.

O Responsábel Comarcal do BNG Antonio Veiga considerou bochornosas as declaracións do Sr. Balseiro onde facía un repaso ao seu traballo ao longo da lexislatura. “Balseiro non fai máis que vender fume, actúa como no franquismo o delegado provincial de propaganda, isto é dar novas que non pasan de anuncios. Mesmamente a presentación das súas propostas no Parlamento, propostas que nunca se efectivizan, demostran que o seu peso no PP é nulo. Así e todo Balseiro máis que como secretario provincial do PP parece actuar como avogado defensor dos seus correlixonarios” afirmou Veiga quen lle recomendou ao PP que máis que militantes precisan xuristas, en relación cos casos aos que se enfrontan diferentes dirixentes des Partido.

Na mesma liña o Portavoz dos nacionalistas interpretou estas declaracións como unha cortina de fume co que o PP pretende agochar a súa incapacidade de xestión e de dar resposta aos problemas dos veciños da Mariña fundamentalmente diante crise económica. “Prometéronos que en tres meses Galiza ía comezar a remontar a crise e atopamos cunha Mariña con máis desemprego, cunha Mariña na que fechan negocios día si e día tamén, cunha Mariña onde moitos proxectos empresariais teñen que votar a berxa por falta de crédito, cunha mariña onde se perciben recortes en servizos básicos como a educación ou a sanidade. Xa vemos cal é a súa receita para a crise socializar as perdas e favorecer aos poderosos, pensemos senón no Convenio de Barreiros, e deixar a nenos sen servizos de comedor escolar como en Ourol, aumentar as listas de espera na sanidade ou deixar sen praza de residencia a máis de cen maiores da zona como aconteza co caso da residencia de Viveiro. A austeridade do Sr. Balseiro só existe para as maiorías sociais e para os sectores máis desfavorecidos da nosa sociedade” recalcou Veiga.

Exit mobile version