Site icon Crónica3.com A Mariña

Exposición sobre Castelao “A derradeira lección do mestre” no Museo de Lugo

LUGO .-  A exposición sobre Castelao “A derradeira lección do mestre”, que recolle obras de todas as vertentes artísticas que Castelao cultivou até a súa morte hai 60 anos, tanto pinturas como debuxos e caricaturas privilexiando o período no que estivo exiliado, e permanecerá aberta ao público no Museo de Lugo até o 10 de xullo.

Nota de Prensa

INAUGUROUSE A GRAN EXPOSICIÓN SOBRE CASTELAO NO MUSEO DE LUGO

Antón Bao falou “dunha arela cumprida poder inaugurar esta ambiciosa mostra sobre a figura máis importante da historia deste país, a maior personalidade galega do século XX

A exposición inclúe pezas de todas vertentes artísticas que Castelao cultivou, privilexiando o período no que permaneceu exiliado

LUGO, 14 de abril de 2010. Esta tarde, o vicepresidente da Deputación, o nacionalista Antón Bao, xunto ao delegado de Cultura da Deputación de Lugo, Antonio Veiga, acompañados da directora do Museo de Lugo, Aurelia Balseiro, e os comisarios da mostra, Felipe Senén López e Pilar García Negro, presentaron a exposición sobre Castelao “A derradeira lección do mestre”. Esta mostra recolle obras de todas as vertentes artísticas que Castelao cultivou até a súa morte hai 60 anos, tanto pinturas como debuxos e caricaturas privilexiando o período no que estivo exiliado, e permanecerá aberta ao público no Museo de Lugo até o 10 de xullo.

O acto de inauguración, que contou coa interpretación do Himno de Galiza por parte da agrupación “Solo Voces”, estivo ateigado e até o Museo de Lugo achegáronse un sen fin de personalidades do mundo político, cultural e institucional como o vicepresidente da Fundación Castelao, Miguel Anxo Seixas; Mauro Varela, presidente de Caixa Galicia; o vicepresidente da AC Alexandre Bóveda; Antonio Reigosa en representación da AELG; Sinesio Pérez, xerente da Fundación CaixaGalicia en Lugo; destacados políticos do BNG como as parlamentarias Ana Pontón e Isabel Sánchez, o alcalde da Pobra de Brollón, Xosé Lois Maceda, os tenentes de alcalde nacionalistas da Pastoriza e Chantada, Elba Carreira e Ildefonso Piñeiro, ou os concelleiros do BNG de Lugo, Paz Abraira e Xosé Anxo Laxe; e políticos socialistas como Ismael Rego, parlamentario do PSdeG, e Regina Polín, deputada provincial e Alcaldesa de Guitiriz.

Antón Bao, destacou na súa intervención que se trata “dunha arela cumprida poder inaugurar esta ambiciosa mostra sobre a figura máis importante da historia deste país, a maior personalidade galega do século XX, o noso compañeiro Castelao”. Desde a Área de Cultura da Deputación traballouse sempre co convencemento da necesidade dunha exposición sobre Castelao porque, segundo Antón Bao, a “importancia e a transcendencia da súa obra fan del un compatriota insubstituíbel, porque xuntou en toda a súa actividade múltiplas funcións artísticas e políticas, como debuxante, pintor, xornalista, caricaturista, ilustrador, escritor, pensador e político nacionalista”. Mais, todas as faces deste poliedro tan fértil obedecen a unha mesma motivación e aspiración, continuou Bao, “a significación cultural e a representación política da Galiza como nación que debía ser coñecida e recoñecida como tal, tanto fóra como dentro dela mesma”. Para Bao, con esta exposición faise un pouco de xustiza necesaria ao recoñecemento dun Castelao “que non abdicou nunca, en toda a súa vida adulta, dun duplo deber: a devolución aos galegos da súa historia e da súa cultura, e a proxección do universo galego en España e no mundo”.

Antón Bao rematou mostrándose “satisfeito por poder realizar esta exposición que se facía xa máis que necesaria” e agradeceu a todas e cada unha das persoas que participaron na súa elaboración e montaxe, persoas que colaboraron cedendo documentos orixinais que se expoñen, a todas as persoas que compuxeron o comité científico e ao comisariado da exposición, María Pilar García Negro e Felipe Senén López Gómez, “por contribuír a facer realidade esta exposición tanto desexábamos para que poidan gozar todos e todas as lucenses e galegos”.

O delegado de Cultura da Deputación, o nacionalista Antonio Veiga, reafirmouse na “satisfacción que produce ver por fin no Museo de Lugo unha mostra tan nosa, tan vinculada ao noso sentir como galegos como a propia obra de Castelao”, e desexou que a exposición logre atraer moitos visitantes e “que as persoas que a poidan gozar saian impregnadas do arrecendo de amor a Galiza que encheu cada parte da vida de Castelao”.

O período que privilexia esta exposición correspóndese cos anos 1936-1950, anos todos en que Castelao non puido poñer o pé na súa terra e traballou desde o exilio, e nos que se cadra por isto as referencias a Galiza son máis nutridas e intensas. A exposición non é só un proxecto expositivo e editorial, senón que vai máis alá ao estar complementado cunha programación cultural paralela na que se desenvolverán actividades didácticas e divulgativas arredor de Castelao, para afondar no coñecemento dunha figura imprescindíbel para entender o país galego.

Exit mobile version