Site icon Crónica3.com A Mariña

Foz ten pendente de cobro máis de 3,5 millóns de euros, que según Intervención a maioría non se van a cobrar, afirma o BNG

Nota de Prensa

O BNG DE FOZ DENUNCIA O DESCONTROL NO GASTO DO GOBERNO MUNICIPAL SOCIALISTA

“ O Concello ten pendentes de cobro 3.645.298,66 euros, a maioría dos cales non se van a cobrar” afirma o informe de intervención

“De seguir así, en pouco tempo estará en perigo a solvencia económica do Concello” afirma Basanta

Foz, 23 de abril de 2010.- O informe de Intervención sobre a liquidación dos orzamentos do Concello do ano 2009 vén a confirmar o que o BNG desde hai tempo viña advertindo: que non hai unha planificación do gasto corrente e que non se fai un control da execución orzamentaria. Esta ausencia de rigor no control do diñeiro público non permite a xeración de remanente positivo nas contas e pon en dúbida nun futuro próximo a posibilidade de levar adiante inversións e afrontar melloras nos servicios prestados polo Concello (pódese recordar, a recente privatización dos servicios de atención a dependentes).

Para o BNG de Foz é  grave que o resultado orzamentario ven a ser outra vez negativo por terceiro exercicio consecutivo: ano 2007 (– 1.343.785, 79 euros), ano 2.008 (-  1.570.190,02 euros) e ano 2.009 (-  408.474,20 euros). Esto vén a indicar que o Concello non aforra absolutamente nada e gasta máis que ingresa. Se non fose polo remanente producido a raíz das licenzas urbanísticas no 2005 e 2006 e do que se foi tirando, o Concello estaría na quebra técnica.

Aínda que unha vez aplicadas as desviacións positivas e negativas de financiamento resulta un resultado orzamentario axustado positivo en 172.686,96 euros si temos en conta as obrigas pendentes do exercicio anterior que constitúen débeda extraxudicial o resultado orzamentario do exercicio xa non sería positivo. Confirma o Informe de Intervención que aínda que o Rateo de Aforro Neto  neste exercicio é positivo nun 3, 27 por cento, di tamén que a súa importancia relativa non resulta importante e empeora o conseguido no exercicio anterior que foi do 4,46 por cento, incidindo unha vez máis que de seguir así as cousas esto podería provocar que o Concello se vese limitado para realizar novas inversións, ampliar servicios ou calquera outra cousas que implique aumento do gasto corrente, como podería ser a entrada en vigor da Relación de Postos de Traballo do Concello.

O Aforro Neto sería inferior si temos en conta a débeda extraxudicial de crédito (as facturas e gastos realizados no ano 2.009 ou precedentes que non están imputados nos orzamentos, ben por que non existe consignación ou ben por que no tiveron entrada no Concello durante a vixencia do mesmo).

Outra das afirmacións do informe económico que dan que pensar é que a 31/12/2009 os dereitos pendentes de cobro ascenden a 3.645.298,66 euros. Deste importe unha cantidade moi importante non se vai a cobrar tal e como afirma o propio interventor: “os importes que proveñen dos exercicios anteriores ao que se pecha, 2.177.669,62 euros, vai ser complicado que cheguen a recadarse nunha porcentaxe importante, segundo o ocorrido en exercicios precedentes, en boa medida porque o procedemento administrativo de recadación en vía de constrinximento non se leva en ningún caso ata as súas fases finais, rematando co correspondente embargo se é preciso. Esta circunstancia, ademais das responsabilidades a que haxa lugar, conduce a que rematen por prescribir caudais públicos que doutro xeito podería e deberían pasar a engrosas as arcas municipais” e aínda di algo mais importante “a xuízo do que subscribe, en aplicación do principio de prudencia xa que doutro xeito podemos estar financiando modificacións de crédito e incorporación de remanentes con recursos que nunca se van a recadar, debería considerarse de difícil recadación a totalidade dos dereitos pendentes de exercicios anteriores  ao que se pecha”. Así pois unha vez máis desde o BNG acusamos ao goberno municipal de irresponsabilidade na execución dos cobros de diñeiro público producíndose un agravio comparativo daqueles ao que non se cobra con todos aqueles que si pagan os seus impostos relixiosamente, producíndolle ao Concello un grave prexuízo na súa recadación.

Ademais este axuste levaría o remanente inicial de Tesourería de 1.008.532,15 euros a unha cantidade máis realista dun remanente para gastos xerais de 436.691,76 euros. É dicir, que como o BNG ten afirmado, este goberno municipal nos tres anos que leva no concello gastou do remanente que tiñamos máis de 6.000.000 de euros, quedándose practicamente sen nada.

A conclusión do informe de intervención para o BNG é clara: que de seguir por este camiño nos próximos exercicios vaise a producir nas contas do Concello un desequilibrio orzamentario que poñerá en risco a posibilidade de poder ofrecer aos cidadáns novos servicios e de atender debidamente os servicios existentes, limitando, por lóxica, tamén as futuras inversión municipais. O goberno municipal dunha vez por todas debe entender que está administrar diñeiro público e que a xestión económica do Concello debe ser sempre transparente e cun fin claro ofrecer os cidadáns servicios a cambio dos impostos e taxas que con tanto esforzo soportan. Para o BNG de nada vale “vender” obras faraónicas –a maioría procedentes de subvencións doutras administracións- como fai a miúdo o goberno municipal cando as contas do concello desde hai anos están nun estado cada vez máis precario para poder pagar o gasto corrente e as inversións.

Exit mobile version