Site icon Crónica3.com A Mariña

O 17 de abril Burela doará en Santiago unha vara boniteira ao museo do Pobo Galego

BURELA (FNC) .- Concello, cofraría de pescadores e centro de lecer dos xubilados do mar A Mar doarán unha vara boniteira ao Museo do Pobo Galego. A entrega terá lugar nun acto previsto para o vindeiro 17 de abril en Santiago de Compostela.

O alcalde de Burela manifestou que “é unha honra para o Concello colaborar coa xente do mar xubilada que tiveron unha iniciativa moi boa para eles, para o noso pobo e para arte da pesca do bonito. Trátase da doazón dunha vara boniteira ao Museo do Pobo Galego, que representa un pouco a pesca con curricán ou con cacea, unhas canas que medían 18 ou 20 metros… e nós pretendemos que así se entenda o que se facía e se fai aquí en Burela promocionando este arte, esta pesca artesanal do bonito”.

Alfredo Llano explicou que “Pepe de Elisa, O Canabalo, O Gacha e Milucho foron as catro persoas que nos propuxeron esta iniciativa. Rafael de Leal tivo que empregarse a fondo para conseguir un halador. O proceso de elaboración desta vara foi para os mariñeiros un volver rememorar os seus tempos no mar, contos e anécdotas a cada instante e tristura porque case ao comezo do traballo Pepe de Elisa deixábanos para sempre. Finalmente o día 17 levaremos esta vara ao Museo do Pobo Galego e convidamos aos veciños que queiran trasladarse a Santiago a acudir con nós. O Concello vai poñer un autobús e os interesados poden anotarse ata o vindeiro xoves 15 de abril na Moncloa”.

O rexedor quere que este acto “encha de orgullo aos habitantes do noso concello”.

Exit mobile version