Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG esíxelle a Fomento que constrúa un segundo enlace dende a A8 a Ribadeo en dirección a Asturias

NOTA DE PRENSA
O BNG ESÍXELLE A FOMENTO QUE CONSTRÚA UN SEGUNDO ENLACE DENDE A A-8 A RIBADEO EN DIRECCIÓN A ASTURIAS

Francisco Jorquera subliña que é unha reclamación unánime e que nos Orzamentos do Estado había unha partida para redactar o estudo

Madrid, 16 de abril 2010 .- O portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, ven de presentar unha iniciativa no Congreso pola que lle demanda ao Ministerio de Fomento que constrúa un segundo enlace dende a Autovía do Cantábrico (A-8) a Ribadeo en dirección a Asturias.

Jorquera salienta que “os veciños e veciñas de Ribadeo e o propio concello véñeno reclamando dende o ano 2004, sen que fora atendida a súa petición”.

O deputado nacionalista lembra que “actualmente existen dous accesos a Ribadeo dende a A-8 dende Asturias en sentido Galiza, pero só hai un enlace dende Galiza en sentido Asturias, o existente dende o casco urbano de Ribadeo, xunto ao polígono industrial”.

Vantaxes dun novo enlace

Neste sentido, o parlamentario do BNG asegura que a construción dun segundo enlace “evitaría aos condutores dar un gran rodeo e facilitaría as comunicacións entre dúas comarcas cunha intensa relación como son A Mariña e a do Eo-Navia”.

Ademais, subliña que “a construción do novo enlace non presentaría unha grande complexidade técnica xa que xa existe unha redonda na que desembocaría o enlace e compensaríase a Ribadeo polo paso da A-8 e os importantes estragos que no seu día provocaron as obras da autovía”.

A este respeito, Francisco Jorquera lembra que nos Orzamentos do Estado para 2009 “contemplábase unha partida, grazas a unha emenda do BNG, para a redacción dun estudo para esta segunda conexión”.

“Porén –denuncia o deputado nacionalista- a día de hoxe o Ministerio de Fomento aínda non aclarou cal é a súa disposición, nin os prazos nin o orzamento para a construción deste enlace”.

Ante esta situación, o parlamentario do BNG pregúntalle ao Goberno sobre cales son as súas previsións para a construción desta infraestrutura.

Exit mobile version