Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG oponse á suba do IVE e denuncia prácticas abusivas á hora de poñer comisións por parte dos bancos

Nota de Prensa

O BNG OPONSE Á SUBA DO IVE E DENUNCIA PRÁCTICAS ABUSIVAS Á HORA DE POÑER COMISIÓNS POR PARTE DOS BANCOS

No acto público celebrado hoxe, Fernando Blanco e Antón Bao reclamaron medidas de carácter “máis social” para saír da crise e que non prexudiquen a aqueles que menos teñen, como a suba dos impostos directos

Fernando Blanco afirmou que “a banca está usando como escusa a situación de incertidume xerada pola crise económica para estabelecer novas comisións por servizos”

Lugo, 15 de abril de 2010. O deputado lucense e portavoz de Economía do BNG no Parlamento Galego, Fernando Blanco, xunto ao responsábel comarcal do BNG en Lugo e vicepresidente da Deputación, Antón Bao, ofreceron nun acto público celebrado esta tardiña no Gran Hotel de Lugo as alternativas do BNG á situación de crise, amosando a súa oposición ao aproveitamento que están a acadar os bancos coas subas e a introdución de novas comisións por servizos e o estabelecemento de cláusulas abusivas nas hipotecas teito-solo.

Segundo argumentou o deputado nacionalista, Fernando Blanco, “a banca está usando como escusa a situación de incertidume xerada pola crise económica para estabelecer novas comisións por servizos e subir as que xa había, incumplindo en moitos casos a lexislación vixente que regula a prestación destes servizos”. Neste sentido, Fernando Blanco afirmou que estas prácticas “condenan aos usuarios e usuarias a pagar por servizos que moitas veces non solicitaron nin aceptaron, polo que nestes casos deberían facer unha reclamación”. Fernando Blanco tamén se refiriu á polémica xurdida polo aproveitamento que as entidades bancarias están a extraer da prestación de servizos hipotecarios. Concretamente, Fernando Blanco afirmou que “en moitos casos estabelécense por parte dos bancos cláusulas totalmente abusivas para o usuario á hora de formalizar unha hipoteca teito-solo” e lembrou que, “aínda que as entidades poden pór os importes que desexen, existen nalgúns casos unhas limitacións estabelecidas pola Lei, como sucede coas comisións por cancelación ou amortización anticipada dun préstamo hipotecario (no que se refire a préstamos hipotecarios de tipo variábel) ou dun crédito ao consumo” que recollen respectivamente as Leis 2 / 1994 e 7 / 1995. Por todo isto, Blanco defendeu unha política social “que facilite e protexa ás persoas para facilitar o acceso dos cidadáns galegos a vivenda digna”.

Pola súa banda, Antón Bao, responsábel comarcal do BNG de Lugo e vicepresidente da Deputación de Lugo, insistiu na necesidade dunha “intervención pública na economía de cara a garantir unhas reformas no sistema fiscal que persigan unha maior xustiza económica”. Neste sentido, Bao afirmou que o BNG sempre se opuxo “á suba do IVE que se propón para xullo e, en troques, defendeu sempre unha redistribución máis xusta dos impostos que só se acada gravando proporcionalmente con maiores tributos as rendas máis altas”. Antón Bao afirmou que “a combinación da suba do IVE co abaratamento do despedimento anunciado por Zapatero (que na práctica se traducirá na baixada dos salarios) agravará a crise económica que estamos a sufrir en Galiza e no Estado porque deprimirá aínda máis o consumo”.

Polo tanto, Antón Bao considerou que se debería camiñar “cara un maior autogoberno en materia económica e fiscal, de xeito que Galiza poida intervir directamente sobre aquelas cuestións que máis afectan aos galegos e galegas” e xirando sobre o tema da posíbel fusión de caixas galegas, Bao argumentou que “cunha caixa galega forte, apoiada nun marco legal que lle obrigue a un funcionamento máis transparente e democrático, estamos a garantir o futuro da economía de Galiza, de que sigamos a contar con institucións financeiras propias, con centros de decisión en Galiza, e volcadas no desenvolvemento dos sectores estratéxicos do país”.

Exit mobile version