Site icon Crónica3.com A Mariña

O goberno de Burela defende a súa xestión económica e lembra que a finais de 2006 o PP debía 2 millóns de euros

BURELA (FNC) .- A tenente de alcalde en Burela, Neves Cando, asegura que no Concello están a facer unha política económica positiva. A concelleira nacionalista rexeita as críticas verquidas nas últimas horas desde o PP e lémbralles que eles tiñan sen pagar a 31 de decembro de 2006 uns dous millóns de euros.

Neves Cando puntualiza que “as contas do Concello de Burela do 2009 aportan uns datos económicos que melloran, mal que lles pese a algúns, os que deixou o PP no seu último ano de goberno municipal no 2006. Esa é a realidade mal que lle pese á oposición que se cansou de facer acusación inxustificadas cando as cifras non din iso precisamente”.

A tenente de alcalde subliña que “a liquidación do orzamento do 2009 confirma que o goberno municipal ten as contas máis saneadas que o PP no seu último ano á fronte do Concello, porque moito falar e moito mentir sobre o tremendo despilfarro, segundo dicían eles, e a realidade é que o resultado axustado do orzamento de 2009 é positivo, non hai déficit. E o remanente de tesourería, é dicir os cartos que temos aforrado nos bancos, no 2009 é superior ao que tiña o PP no 2006. Máis de 680.000 euros no ano 2009 fronte aos 650.000 do 2006”.

Cando engade que “aínda hai máis datos que evidencian a boa xestión dos recursos municipais lle pese a quen lle pese, e para desmentir á oposición. O actual equipo de goberno paga antes que o PP e dino os papeis. Na liquidación do 2006 o PP tiña sen pagar a 31 de decembro máis de 2 millóns de euros, e agora no 2009 esta cifra é sensiblemente inferior. O PP sí que era unha mostra clara do gasto sen control porque no 2007 deixou case 30 millóns das antigas pesetas en facturas que xa non tiñan cabida en ningunha partida dos orzamentos porque xa o tiñan gastado todo, eso foi en só seis meses que estiveron a gobernar en Burela no 2007 antes de perder as eleccións”. A edil nacionalista considera que “eso si que é descontrol, algo moi distinto do que estamos a facer desde o goberno municipal que xestionamos responsablemente o día a día para traer cartos, obras e servizos para Burela e non mentimos á xente como fan outros alarmando aos veciños sobre a situación económica do Concello cando a realidade é que, pese á grave crise económica a nivel xeral, no Concello de Burela facemos unha política económica positiva e con mellores cifras de aforro incluso que nos mellores tempos do PP”.

Exit mobile version