Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Burela prepara un obradoiro de redeiras e espera apoio da Xunta de Galicia

BURELA (FNC) .- A Delegación de Mar de Burela quere poñer en marcha un novo proxecto que, segundo explica Remedios López, “será moi beneficioso para o noso pobo e único en toda Galicia, trátase dun obradoiro de redeiras”.

A edil socialista lembra que “tiñamos un compromiso co anterior equipo do goberno da Xunta de Galicia de que cando saíse a titulación de redeiras se daría luz verde á posta en marcha deste obradoiro, e así fomentar o emprego en Burela e recuperar un oficio que se está a perder. No BOE 227 do 19 de setembro do 2009 crease a titulación de redeiras e dende ese momento o Concello de Burela está a traballar co fin de levar adiante ese proxecto, esperando que o novo goberno da Xunta estea tamén interesado en recuperar a nosa cultura e apoiar ao Concello de Burela”.

Remedios López segue a explicar que “coa publicación da subvención dos talleres de emprego no DOG nº58 do 26 de Marzo do 2010 comeza a coller forma o proxecto.  O obradoiro irá destinado a 15 persoas desempregadas sobre todo para  grupos  de difícil inserción como poden ser mulleres desempregadas, inmigrantes e maiores de 45 anos, e enfócase como  un servizo de utilidade colectiva innovador, como rehabilitación do patrimonio natural e cultural da nosa zona pesqueira, que se está a perder por descoñecemento da xuventude e que é necesario para o desenvolvemento das artes pesqueiras. É un proxecto que ten perspectivas de emprego no noso concello e que serviría para sacar a titulación necesaria que ningunha das redeiras en activo ten”.

A concelleira de Mar engade que “neste obradoiro as clases teóricas desenvolveríanse no centro de formación ocupacional e as prácticas na nave de redes a través dun convenio que faríamos coa cofraría de pescadores San Juan Bautista.Tamén dentro deste módulo iría un curso para sacar a tarxeta profesional de mariñeiro pescador e outro de creación de empresas e sobre todo de cooperativas coa idea de que cando rematen poidan darse de alta e formar unha cooperativa para coser as redes dos armadores de Burela, que moitos deles as levan a Portugal”.

Remedios López suliña que “o noso pacto abrangue seis cofradías Burela, Celeiro, Foz, Ribadeo, San Ciprian e O Vicedo contamos con: 34 arrastreiros, 57 palangreiros de fondo e 28 de superficie, 14 cerqueiros, 2 volanteiros, 93 lanchas de artes menores e 10 lanchas percebeiras, entre outras”.

A edil de Mar manifesta que “a pesca é un dos inxectores da economía da Mariña, grazas á pesca conséguense importantes ingresos económicos e turísticos que fan que A Mariña lucense se desenvolva e medre. Sen embargo notamos unha falta de titulacións de formación integral das tripulacións dos barcos pesqueiros de altura, de litoral e de cabotaxe tanto na sección de ponte, de máquinas ou de redeiras, todas elas necesarias para poder sacar o barco ao mar. Non existe ningunha escola oficial náutico pesqueira na Mariña para que suavice as trabas de formación existentes, co cal vemos necesaria a necesidade de obradoiros de emprego para ir recuperando esta formación e integración de grupos desfavorecidos e desempregados na inserción dun posto de traballo”.

López Villar tamén apunta que “no Parlamento de Galicia aprobouse recentemente por unanimidade de todos os grupos políticos unha iniciativa do PP para a creación dun selo distintivo que implique o cumprimento da normativa de enmalle, a elaboración do aparello por unha redeira legal e a calidade dos materiais á hora de fabricar as redes. A proposta, solicitada polas redeiras, pretende ademáis detectar e denunciar as actividades ilegais e clandestinas, frenando o intrusismo na profesión mediante un programa específico de inspección laboral. Ademáis de tentar paliar a precariedade do sector e impulsando asociacións”.

Este obradoiro, que se denominaría FARO DE BURELA IV e que se aprobará na xunta de goberno do Concello de hoxe luns 12 de abril, “pasaría á seguinte fase que sería presentalo antes do 15 de abril para a súa aprobación por parte da Consellería de Traballo. O módulo de redeiras tería un custe de 322.000€ e ademáis deste haberá outro de xardinería e albanelería”.

Exit mobile version