Site icon Crónica3.com A Mariña

O PAI de Cervo pasará aos baixos da Casa do Mar de San Cibrao o vindeiro curso

CERVO .- O Concello de Cervo anuncia que disporá o vindeiro curso dunhas novas instalacións para o Punto de Atención á Infancia (PAI), será nos baixos da Casa do Mar de San Cibrao, onde anteriormente estaba situado o Centro Saúde do Sergas.

Nota de Prensa

Cervo é o único concello da Mariña na que este servizo ten un carácter gratuíto polo que non implica ningún costo para as familias usuarias

O CONCELLO DE CERVO DISPORÁ O VINDEIRO CURSO DUNHAS NOVAS INSTALACIÓNS PARA O PUNTO DE ATENCIÓN INFANTIL

* O Goberno local está xestionando o traslado deste servizo público aos baixos da Casa do Mar, onde anteriormente estaba situado o centro saúde do Sergas

* Tamén ten previsto reorganizar a zona verde que circunda este edificio para ampliar o parque e as zonas de xogo infantil

* O vindeiro luns ábrese o prazo de inscrición para o curso 2010-2011

Cervo, 10 de abril de 2010.- Os nenos e nenas usuarios do Punto de Atención á Infancia (PAI) do Concello de Cervo terán unhas novas instalacións o vindeiro curso 2010-2011, así o adiantou hoxe o rexedor local, Alfonso Villares.

A intención do Goberno local é trasladar este servizo dende a urbanización da Atalaia, onde está actualmente está situado, cara os baixos desocupados polo Sergas na Casa do Mar. Segundo indicou o rexedor local, ademais da adecuación do inmoble para axeitalo ao uso e coidado de nenos entre 4 meses e 3 anos, este traslado levaría aparellado a reorganización das zonas verdes anexas á Casa do Mar “para ampliar así a zona de esparexemento infantil e as áreas de lecer para os máis cativos”.

Na opinión de Villares, a nova situación sería a máis axeitada para instalar un servizo de atención e coidado de nenos. “Pensamos que os baixos da Casa do Mar cumpren tódolos requisitos para situar alí o PAI. Trátase duns locais amplos e con moitas posibilidades de acondicionamento para poder ofertar un servizo axeitado aos nenos; están situados nun lugar céntrico, pero á vez están relativamente apartados da estrada principal e ademais dispoñen ao seu redor de zonas verdes” recalcou o alcalde.

O luns ábrese a matricula
O vindeiro luns, 12 de abril, abrirase o prazo de inscrición para solicitar a reserva de praza e matricula no vindeiro curso (2010-2011) do Punto Municipal de Atención á Infancia. A data límite para formalizar as inscricións rematará o 12 de maio e ao longo deste período as familias que queiran continuar facendo uso deste servizo, coma as que desexen incorporar aos seus fillos por vez primeira, deberán cumprimentar a correspondente solicitude.

Poderán obter unha copia do formulario correspondente tanto nas oficinas municipais da Casa do Concello, como na Casa da Cultura e no propio PAI (sito na urbanización Atalaia de San Ciprián). As instancias unha vez cumprimentadas deberán presentarse con anterioridade ao 12 de maio no rexistro municipal do Concello. Tamén é posible descargar o modelo correspondente desde a páxina web oficial: www.concellodecervo.com

A apertura do Punto de Atención á Infancia (PAI) no ano 2002 constituíu unha aposta firme do Goberno municipal do Partido Popular pola creación dun recurso destinado a nenos e nenas que necesitan atención e coidado durante un tempo diario e que non poden incorporarse a un centro de educación infantil, A través deste servizo contribúese ao desenvolvemento integral dos nenos e nenas e a facilitar a difícil tarefa de conciliar a vida laboral e familiar. O PAI conta con dúas profesionais de educación infantil e unha pedagoga. O seu horario de funcionamento é de 9.00 a 12.00 h e de 15.00 a 20.00 horas. Na actualidade oferta 20 prazas pola mañá e outras 20 en horario de tarde.

Cervo é o único municipio do conxunto da Mariña lucense que ofrece este servizo de atención para nenos de entre 4 meses de 3 anos dun xeito totalmente gratuíto, sen que supoña ningún custe engadido para as familias usuarias.

Exit mobile version