Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP dubida da capacidade e operatividade dos helicópteros de salvamento

NOTA DE PRENSA:
Ao longo da pasada lexislatura a xestión dos socialistas á fronte da desaparecida Consellería de Pesca caracterizouse polo absoluto desprezo pola opinión das xentes do mar e por desbotar os criterios técnicos que aconsellaban unha mellora no salvamento marítimo

O GRUPO POPULAR PON EN DÚBIDA A CAPACIDADE E OPERATIVIDADE DOS HELICOPTEROS DE SALVAMENTO QUE PRETENDE POÑER EN MARCHA FOMENTO

* Balseiro Orol lembra os fallos e carencias dos operativos de emerxencia do buque Cordero e Rosamar como exemplo e síntomas da mala xestión dos socialistas.

* Fomento pretende perpetrar un engano: o novo helicóptero chega con máis de 15 meses de atraso e o que se queda está obsoleto e padece múltiples e frecuentes avarías

* Técnicos, expertos e sindicatos apostan polo modelo da Xunta que garante a operatividade e diminue o tempo de resposta dos helicópteros de salvamento que pola dotación de novas aeronaves que só voarán de inmediato en horario de oficina.

Santiago, 05 de abril de 2010.- O voceiro do Mar do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro Orol, afirmou que si hai unha xestión irresponsable e temeraria dos medios de salvamento en Galicia esa foi a desenvolvida pola anterior Consellería de Pesca, en mans do PSdeG, que se caracterizou polo seu absoluto desprezo pola opinión das xentes do mar e por desbotar os criterios técnicos que aconsellaban unha mellora neste servizo. Como “síntoma e exemplo” subliñou os múltiples fallos e as carencias que se evidenciaron na pasada lexislatura cando se fixo fronte a emerxencias marítimas como as do naufraxio do buque Cordero ou do Rosamar.

Os populares galegos seguen a denunciar que o anuncio efectuado por Fomento sobre a dotación dun novo helicóptero na base de salvamento de Cee “é un engano”, pois simplemente se trata de poñer en servizo un novo helicóptero “que chega con atraso, xa que levamos 15 meses esperando ante a obsolescencia do actual”, e manter o aparato antigo, que cómpre lembrar, “ten múltiples avarías cada pouco”. É polo que “non teremos dous novos helimer senón un e cuarto”-concluíu o voceiro do Mar.

Balseiro Orol insiste en que desde o Partido Popular sempre mantiveron que é máis oportuno apostar polo criterio de mellorar a operatividade dos medios aéreos de salvamento marítimo, tal e como está a facer a Xunta dotando de dobre tripulación aos seus helicópteros, que adquirir unha nova aeronave como prevé facer Fomento. E subliña que este non só é un criterio defendido polos populares e pola Xunta, senón tamén polos profesionais de salvamento, polos técnicos especialistas e polos sindicatos de pilotos. “Cando existe esta unanimidade nos consellos e nas opinións dos expertos por algo será” -concluíu Balseiro

SALVAMENTO EN HORARIO DE OFICINA

O voceiro do Mar do Grupo Popular insiste en que grazas ao esforzo da Xunta o tempo de resposta ante calquera emerxencia diminuíu e a operatividade dos helicópteros da Xunta amplíase ás 24 horas do día, os 365 días do ano. Pola contra o modelo escollido por Fomento non é o máis acaído para Galicia posto que a diferenza dos helicópteros da Xunta, o segundo Helimer do Estado probablemente só ofrecerá un servizo en horario de oficina, de 9 a 15 horas, sen capacidade resposta inmediata fóra deste horario. Polo explicado, e dalgún xeito Fomento estaría a “malgastar cartos co único obxecto de facer un anuncio electoralista, e non baseado en criterios profesionais”.

O voceiro do Mar do PPdeG insistiu en deixar moi claro que os populares non están en contra da creación dunha nova base de salvamento na Costa da Morte, mais apuntou que en todo caso se bota en falta que este tipo de decisións non se baseen en criterios técnicos. Asemade, Balseiro emprazou aos responsables socialistas a explicar ás xentes do mar da costa coruñesa cales serán as características do helicóptero que se vai situar en Cee, así como dos horarios de operatividade “para que non se chamen a enganos e non pase coma antes, cando crían que estaban cubertos por un helicóptero que os deixaba tirados ás primeiras de cambio”.

UN SO VOO DO HELIMER NO OPERATIVO DO “KEA”

Finalmente Balseiro Orol puxo en dúbida a autonomía e capacidade da manobra do helicóptero de salvamento competencia de Fomento e de xeito especial, no tocante ao que pode supoñer o mantemento da aeronave máis obsoleta. Nesa liña quixo lanzar unha pregunta pública sobre cal foi a razón pola que o Helimer de Fomento tan só efectuou un voo no transcurso do operativo de salvamento dos tripulantes do “Kea”, namentres que o operativo foi efectuado por aeronaves doutras administracións e incluso doutros países. Balseiro apuntou con este exemplo a que, moi probablemente, as carencias que dificultaron esta operación, e outras moitas acontecidas no pasado, non diminuirían e mesmo se aumentarían coa conservación deste helicóptero, e todo iso, a pesar da excepcional capacidade de traballo e gran profesionalidade dos tripulantes das aeronaves que se ven superados pola mala xestión dos socialistas ao fronte do salvamento marítimo.

Exit mobile version