Site icon Crónica3.com A Mariña

O presidente da Deputación participou co alcalde de Viveiro en actos da Semana Santa

VIVEIRO .- O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, participou esta tarde, xunto co Alcalde de Viveiro, Melchor Roel, na Semana Santa viveirense, declarada de Interese Turístico Nacional. Neste senso, Gómez Besteiro quixo acompañar ó rexedor municipal nun dos actos máis importantes da festividade relixiosa, a procesión do Santo Enterro.

A Semana Santa de Viveiro é, xunto coa de Ferrol, unha das citas máis destacadas e referentes en Galicia, e incluso en España, dende hai moitos anos durante estas datas. Precisamente, a xornada de hoxe é un dos días nos que máis xente se congrega nas rúas de Viveiro. Malia que este Concello é o que máis soa ten, toda a Mariña ten atractivo e logra reunir a numerosos visitantes durante a Semana Santa, tanto polas procesións como pola oferta hostaleira e gastronómica que ofrece. Deste xeito, outros municipios que celebran con fervor os actos relixiosos son Ribadeo, Mondoñedo, Burela, Foz e O Valadouro.

Dende primeiras horas da mañá Viveiro continuou coa celebración relixiosa deste Venres Santo. Os actos comezaron co coñecido “Encuentro” na Praza Maior, organizado pola Venerable Orde Terceira Franciscana. Despois da mediodía tivo lugar no atrio de Santa María o Desencravo, que correu a cargo da Confraría do Santísimo Rosario. Acto seguido, procedeuse á procesión do Santo Enterro, na que participaron autoridades como o titular provincial e o rexedor municipal, ademais de numerosas persoas que non quixeron faltar a esta cita.

Ás 22:00 horas tivo lugar o traslado do Ecce Homo da Misericordia, seguido da procesión da Pasión, ás 22:30 horas. Xa na madrugada do venres ó sábado celebrouse a procesión da Soidade, coñecida como a dos Caladiños. Durante o sábado e o domingo, Viveiro continuará con máis actos relixiosos.

Exit mobile version