Site icon Crónica3.com A Mariña

O presidente da Deputación asegurou que en xuño rematarán as obras de mellora no acceso ás Catedrais

LUGO .- O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, e o Alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, supervisaron este martes as obras de mellora que vén de poñer en marcha o organismo provincial na CP 0610 de Altar-Reinante-Os Castros. Trátanse das actuacións no vial que dá acceso á praias das Catedrais, e nas que a Deputación inviste de 500.000 euros. Gómez Besteiro anunciou que “en dous meses, antes do 15 de xuño, os traballos estarán rematados”

O titular do organismo provincial subliñou que “ó igual que no mes de decembro cumpríamos coa palabra dada ós veciños de Ribadeo e entregabámoslle coa máxima celeridade ó Alcalde este proxecto, hoxe poñemos en marcha unhas actuacións moi necesarias que permitirán que no verán a praia das praias da provincia teña un acceso en perfectas condicións”.

Pola súa banda, o Alcalde de Ribadeo incidiu en que co inicio destas obras “vemos de novo que Gómez Besteiro e o seu equipo de Goberno cumpren co seu compromiso. Licitáronse as obras no prazo dado, entregouse o proxecto no marco establecido, e agora antes do previsto, os traballos estarán rematados”.

O organismo provincial acordou incluír varias novidades neste proxecto, por unha parte, aumentar o número de quilómetros da estrada que se tiña previsto mellorar, chegando ós 2,4, concretamente dende o punto 9,920 ao 12,320. Asimesmo, os traballos contemplan o incremento do ensanche do vial e o acondicionamento da plataforma existente dende o punto quilométrico 9,920 ó 11,340 en 6,5 metros, e de 6 metros dende o 11,240 ó 12,320. Deste xeito, a zona de acceso á praia das Catedrais á dos Castro, unha das estradas máis transitadas na época estival, pasará dos 4 ós 6 metros.

Os técnicos da Deputación traballan xa na construción dunha rotonda no entronque do vial de unión coa N-634 e a A-8 que se sitúa no punto quilométrico 11,065. Da mesma forma, o organismo provincial instalará unha depuradora na entrada do areal, e dará saía ás instalacións públicas. Tratase dunha iniciativa que podía ser competencia de Costas, pero que asume a Deputación dentro do compromiso polo medio ambiente.

Construción dun aparcadoiro

O Presidente adiantou que “a Deputación comeza a traballar en colaboración coa Demarcación de Costas, e preservando o medioambiente, na construción dun aparcadoiro que estará listo o vindeiro verán”. Gómez Besteiro explicou que o organismo provincial e o Ministerio están a buscar a situación idónea desta infraestrutura para solventar outros dos problemas que atopan os visitantes desta praia.

Neste senso, o Alcalde subliñou que o proxecto que se comezou a executar este martes “é un paso xigante que virá acompañado da coordinación de esforzos para facer un aparcadoiro. Non vamos pavimentar a costa. A Deputación, como titular desta estrada, e Costas acordarán un proxecto que respecte o medioambiente desta xoia de Galicia”.

Exit mobile version