Site icon Crónica3.com A Mariña

O voceiro do Mar do PP no Parlamento solicita rectificación e desculpas á representante do PSOE

NOTA DE PRENSA:
O voceiro do Mar di que estas afirmacións son “inconcebibles e inaceptables nunha representante pública” e sinala que a deputada socialista errou “no fondo e na forma”

BALSEIRO EMPRAZA A MARISOL SONEIRA A “RECTIFICAR, PEDIR DESCULPAS E DIMITIR” DESPOIS DE QUE ESTA AFIRMASE QUE Á CONSELLEIRA DO MAR “HAI QUE DESTERRALA”

PORQUE “NON HAI PENA DE MORTE”

· A Consellería do Mar executou un 10 % máis de orzamento en 2009, que o bipartito; unha cantidade que ademais é superior ao executado polo Goberno de PSOE e BNG en toda a lexislatura.

Santiago, 20 de abril de 2010.- O voceiro do Mar do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro Orol cualificou como “inconcebibles e inaceptables nunha representante pública” as declaracións efectuadas pola portavoz socialista en asuntos marítimos, Marisol Soneira, nas que indicou que á Conselleira do Mar “habería que desterrala” porque en Galicia non existe “a pena de morte”. O deputado popular entende que a súa homóloga socialista “errou gravemente, non fondo e na forma” e espera que por responsabilidade teña a decencia de “rectificar, pedir desculpas e dimitir, feito para o que non debería agardar un minuto máis”.

Para o voceiro popular de Mar, esta actitude é tamén froito do nerviosismo por non atopar aspectos de debilidade ou erros na xestión do equipo de Rosa Quíntana, como tamén dun espírito vingativo, crispador e caprichoso contra quen está a amosar que hai outras maneiras de xestionar a pesca, o marisqueo e acuicultura “sen sectarismos, arbitrariedades e imposicións”.

Balseiro sinalou ademais que este comportamento tan irrespectuoso non é froito dun “acaloramento dialéctico puntual” xa que estaría a “incorrer ultimamente nunha preocupante falta de respecto constante”, chegando neste caso mesmo a facer alusión indirecta e negativa sobre as orixes emigrantes da propia conselleira, nada en Venezuela. Por todo isto pediulle a Marisol Soneira que rectifique e pida desculpas, pola forma, e que dimita, xa que o fondo das acusacións “pecan de erros e mentiras froito dos enganos aos que a somete a súa asesora en materia de mar, que xa demostrou ser unha pésima xestora pero que nesta faceta é peor”.

EXECUCIÓN ORZAMENTARIA

Balseiro tamén quixo entrar ao fondo do asunto respecto das críticas realizadas polo PSOE sobre o grado de execución orzamentaria da Consellería do Mar para aclarar que Marisol Soneira “minte repetidamente, cando non manipula os datos” Así por exemplo o voceiro popular explicou que a Consellería do Mar executou en 2009 preto de 184 millóns de euros “a cantidade máis elevada dos últimos catro anos”.

Afondando na cuestión Balseiro Orol explicou que no ano 2006 a cantidade que se executou foi de 168,2 millóns de euros; no ano 2007 foi de 125,2 millóns de euros e en 2008 foi de 166,8 millóns de euros. A cantidade executada no último ano polo departamento que dirixe Rosa Quintana -183,87 millóns de euros- supera nun 10% ao bipartito, “todo iso aínda cando o actual equipo directivo tomou o mando do departamento a finais de abril”

O voceiro do Mar do PPdeG tamén salientou que grazas ao esforzo realizado polo actual equipo directivo da Consellería do Mar e a pesar de atopar sen publicar ou ter que revisar importantes Ordes coma a relativa aos Grupos de Acción Costeira, que contiña abundantes erros froito das présas, ou a de Axudas á acuicultura e ao sector transformador, todas estas se levaron adiante.

Balseiro tamén fixo fincapé en que, neste exercicio, o novo Goberno si puido aplicar a súa xestión desde o principio e é así como os convenios entre a consellería e as confrarías galegas para colaborar nos gastos de vixilancia e loita contra o furtivismo “xa foron todos asinados, e están pagados ou en proceso de pago, é a primeira vez en catro anos que se fai isto nos tres primeiros meses do ano”. Tamén destacou a publicación, por primeira vez, que as ordes de axudas ás industrias de transformación e comercialización, así como as de acuicultura, se publicaron en xaneiro.

FORMACIÓN

O voceiro do Mar do Grupo Popular salientou tamén que fronte aos 20 cursos desenvolvidos pola Consellería de Pesca durante un ano, o departamento que dirixe Rosa Quintana levou adiante e programou 15 en seis meses, un 33% máis, “mostra evidente de que hoxe si existe unha aposta decidida pola formación dos profesionais do mundo do mar”.

Finalmente Balseiro quixo emprazarlle á voceira socialista a que se preocupe por cuestións que de verdade están no primeiro interese dos homes e mulleres do mar en Galicia como é o caso dos atrancos que se están a producir no proceso de regularización das embarcacións pesqueiras, que si pode deixar en terra a centos de mariñeiros. Despois de que a Consellería do Mar lograra dúas moratorias de 6 meses á entrada en vigor da nova normativa, “a falta de flexibilidade do Goberno socialista central podería dar lugar ao paro forzoso de un gran número de embarcacións galegas, mentres o PSOE galego garda silencio ao respecto dos desatinos de Madrid”

Exit mobile version