Site icon Crónica3.com A Mariña

Pide o BNG que a Xunta manteña a área sanitaria de A Mariña, unha área de xestión integrada con atención primaria

Nota de Prensa

O BNG DEMÁNDALLE Á XUNTA QUE MANTEÑA A ÁREA SANITARIA DA MARIÑA, CONVERTÉNDOA NUNHA ÁREA DE XESTIÓN INTEGRADA QUE INCORPORE ATENCIÓN PRIMARIA

Ana Luisa Bouza advirte de que a supresión desta área “suporía relegala á hora de recibir recursos”

Santiago de Compostela, 23 abril 2010.- A portavoz do BNG en materia de Sanidade no Parlamento Galego, Ana Luisa Bouza, ven de presentar unha iniciativa na que lle demanda á Consellaría de Sanidade que manteña a área sanitaria da Mariña, mediante a súa conversión nunha área de xestión integrada propia.

Ana Luisa Bouza explica que na actualidade existen no SERGAS dúas estruturas: as xerencias de atención primaria, 7 en total, e as xerencias de atención hospitalaria ou especializadas onde a estrutura territorial é de carácter máis comarcal con 11 áreas, entre elas a da Mariña.

“A área sanitaria comarcal ofrece unha mellor asistencia”

A deputada do BNG subliña que este modelo territorial de carácter comarcal “ofrece máis calidade asistencial xa que os recursos humanos e os servizos están máis achegados ás necesidades dos habitantes de cada territorio”.

Neste sentido, a parlamentaria nacionalista amosa a súa preocupación polo novo modelo territorial que propón a Consellaría de Sanidade. Ana Luisa Bouza subliña que “o BNG está de acordo en que se cree unha xestión integrada do SERGAS que coordine a atención primaria e a especializada”.

Porén, amosa a oposición do BNG a que, a creación as novas xerencias de áreas sanitarias integradas “sexa aproveitada pola Consellaría de Sanidade para poñer en dúbida o actual sistema integral de atención especializada, xa que a área sanitaria da Mariña pasaría a depender da área de xestión integrada de Lugo”.

Pola contra, Ana Luisa Bouza defende “a necesidade de reforzar a área  sanitaria da Mariña, converténdoa nunha  área de xestión integrada propia, de xeito que ofreza aos cidadáns unha carteira completa de servizos hospitalarios, e que esta estrutura territorial tamén integre a atención primaria”.

“Suprimir esta área suporía  relegala á hora de recibir recursos”

Neste sentido, a deputada do BNG advirte de que “dende o inicio da lexislatura véñense producindo diferentes declaracións por altos cargos da Consellaría de Sanidade e do Sergas, logo desmentidos polas portavocías locais do Partido Popular, que poñen en dúbida a continuidade da área sanitaria da Mariña, o que ten provocado a mobilización da cidadanía desta comarca en defensa da continuidade da súa existencia e da extensión á atención primaria desta estrutura territorial”.

Ana Luisa Bouza denuncia que “suprimir esta área sanitaria para facela depender de Lugo suporía relegala e secundarizala á hora de recibir recursos económicos e humanos”.

A Consellaría de Sanidade segue mantendo a dúbida

A este respeito, critica que “unha vez máis, o borrador de Decreto polo que a Consellaría de Sanidade crea a nova estrutura de organización da xestión integrada –primaria máis especializada- do SERGAS segue mantendo a dúbida sobre cal vai ser a estrutura territorial do sistema de xestión integrada”.

Ante esta incerteza, a deputada do BNG demándalle á Consellaría de Sanidade que explique cal vai ser este mapa e solicita que se cree unha área de xestión integrada na actual área sanitaria da Mariña, que incorpore tamén os recursos de atención primaria.

Por último, Ana Luisa Bouza pregunta cal vai ser o calendario de posta en marcha do novo sistema para a área sanitaria da Mariña.

Exit mobile version