Site icon Crónica3.com A Mariña

Sen especificar datas, o Instituto Galego da Vivenda e Solo anuncia que construirá 17 vivendas en Trabada

SANTIAGO .- Sen especificar cando, o Instituto Galego da Vivenda e Solo, anuncia que investirá 1,7 millóns de euros para construír 17 vivendas de promoción pública nunha parecela que lle cederá o Concello de Trabada.

REFERENCIA
O IGVS investirá máis de 1,7 millóns de euros na construción de vivendas de promoción pública en Trabada (Lugo)

*
A previsión é construír 17 vivendas de promoción pública en solo ofrecido polo Concello e cuxa cesión ao IGVS se tramita actualmente
*
O IGVS xa construíra en Trabada outras 18 vivendas, cun investimento de preto de 1,4 millóns de euros
*
A promoción pública de vivendas na Mariña desapareceu na anterior lexislatura, pasando de 276 vivendas iniciadas entre 2000 e 2005 a so 42 durante o goberno bipartito

Santiago, 8 de abril de 2010.- O Instituto Galego da Vivenda e Solo, dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, construirá 17 vivendas de promoción pública no concello lucense de Trabada, segundo indicou hoxe en Comisión parlamentaria o director xeral de dito organismo, Antonio Boné.

Para levar a cabo a construción das vivendas, para as que se prevé un investimento superior a 1,7 millóns de euros, é necesario previamente completar a cesión do solo ofrecido para tal fin polo Concello de Trabada. Neste senso, o Pleno do Concello aprobou no pasado mes de outubro a cesión ao IGVS dunha parcela para a construción das devanditas vivendas de promoción pública, cesión que se atopa en tramitación na actualidade. A parcela ofrecida polo Concello atópase ao lado doutra cedida con anterioridade e sobre a que o IGVS xa construíu outras 18 vivendas, ao abeiro dun expediente iniciado en 2002, nas que se investiron 1.382.583,42 euros.

O Instituto Galego da Vivenda e Solo aposta decididamente polo programa de vivenda de promoción pública, tanto de nova construción como rehabilitada, que se destina ás capas de poboación con menos recursos e, ao mesmo tempo, axudan a fixar poboación nas vilas do medio rural galego. Este programa foi abandonado polo anterior goberno, que se limitou na práctica a continuar cos proxectos que xa estaban iniciados sen, na meirande parte dos casos, chegar a rematalos.

Neste sentido os datos referentes á Mariña lucense son clarificadores, xa que mentres no período 2000-2005 se iniciaron 276 vivendas de promoción pública en once concellos da Mariña, baixo o goberno bipartito únicamente se iniciou un expediente no concello de Ribadeo con 42 vivendas. O investimento pasou de máis de 18 millóns de euros entre 2000 e 2005 a pouco máis de 2,5 millóns durante a pasada lexislatura.

Exit mobile version