Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Ribadeo di que todo fai pensar que a aprobación provisional do PXOM pode ser unha realidade

RIBADEO (FNC) .- Rematou tras varias horas de traballo unha nova xuntanza da comisión municipal de urbanismo á que asistiron o alcalde, Fernando Suárez, técnicos de Eptisa (a empresa redactora do PXOM), técnicos municipais e representantes dos grupos políticos da Corporación de Ribadeo. O rexedor destacou “o clima de diálogo e de implicación por parte dos partidos” e sinalou que “tanto os técnicos coma min estivemos a informar do traballo que realizamos durante estes meses diante da Dirección Xeral de Patrimonio coa intención de tornar en positivo aquel informe negativo emitido hai algún tempo. Creo que hai avances importantes que nos fan pensar en que en breve poderiamos contar co visto bó de Patrimonio”.

Suárez Barcia explicou que “no encontro de hoxe lles demos conta das xestións, negociacións e resultados de varias cuestións que me encargaran os diferentes grupos políticos sobre determinados ámbitos urbanos que requerían unha análise ao detalle”.  E seguiu a relatar que “tamén estivemos a analizar cuestións técnicas sobre o Plan de Ordenación de Litoral e antes de que remate o prazo de presentación de alegacións os técnicos terán lista unha proposta final para aprobala e envíala a Medio Ambiente”.

O alcalde considera “importante a xornada de hoxe xa que retomamos as xuntanzas da comisión municipal de urbanismo despois de meses de intenso traballo para realizar as encomendas que nos propuxeron os diferentes partidos políticos”. Suárez Barcia dixo que “non quero adiantar acontecementos nin poñer na miña boca palabras dos outros grupos, pero todo fai pensar que a aprobación provisional do Plan Xeral de Ordenación Municipal pode ser unha realidade. Non quero botar campás a ovó, pero entendo que estamos na boa liña, vexo boa disposición por parte de todos”.

O rexedor asegurou que “nesta xornada me ordenaron unha serie de tarefas relativas a cuestións urbanísticas que os técnicos e máis eu xestionaremos con todo o gusto e con premura”.

Exit mobile version