Site icon Crónica3.com A Mariña

Trece empresas interesáronse por adquirir parcelas no polígono de Ribadeo

RIBADEO (FNC) .- O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, tilda de boa noticia que o parque empresarial empece a dar os seus primeiros pasos. Trece empresas presentaron as súas propostas para adquirir parcelas na primeira fase de comercialización que rematou esta mesma semana.

O rexedor dixo que “despois de que se pechara o prazo para que as diferentes iniciativas económicas e empresariais presentasen as súas propostas para adquirir parcelas neste polígono industrial de Ribadeo, podo dicir de maneira positiva que esta primeira remesa para a situación económica global que se está a padecer non é un mal dato. Son 13 as firmas que queren instalarse de xeito inmediato en Ribadeo, proceden dos sectores servizos e industrial fundamentalmente, algunhas son empresas que están en funcionamento e que prevén a modernización e ampliación das súas actividades e isto é meritorio nesta época, e outras créanse como actividades novas”. Fernando Suárez suliñou que “todas estas iniciativas empresariais suporán a creación duns 20 empregos aproximadamente e ademáis a inversión, tanto na adquisición dos terreos como na construcción desas naves, será da orde dos 4 millóns de euros, algo importante tamén para as empresas que se van encargar de levantar esas instalacións”.

O alcalde precisou que “hai empresas de suministro de material, talleres, almacéns frigoríficos, firmas vinculadas á construcción, etc, etc… agora nos vindeiros días os responsables de Sepes teñen que someter a análise estas iniciativas para darlles o visto bó e supoño que ao quedar ainda parcelas vacantes intentaremos que todas se sintan cómodas nas ubicacións que escolleron”.

Suárez Barcia animou “aos demáis empresarios que queiran adquirir terreos en Ribadeo a que o fagan porque os prezos seguirán a ser os mesmos. Pódense informar no Concello ou en Sepes. Entendo que é unha boa noticia que o parque empresarial empece xa a dar os seus primeiros froitos con propostas reais enriba da mesa. Estou convencido de que ao ir pasando o tempo máis empresas de Ribadeo, da Mariña e do Occidente asturiano acabarán recalando neste polígono estratéxico, dos mellores que pode haber en moitos kilómetros á redonda”.

Exit mobile version