Site icon Crónica3.com A Mariña

A CIG celebrou o primeiro de maio en Ribadeo con un “non á política de pacto social”

RIBADEO .- A CIG celebrou o primeiro de maio cunha concentración en Ribadeo que rematou diante da casa do Concello onde o secretario da organización na Mariña, Xorxe Caldeiro Díaz, dirixiuse aos asistentes reivindicando “emprego e salarios dignos”.

Nota de Prensa

1º  de maio de 2010

Non á política de pacto social Emprego e salarios dignos

COMPAÑEIRAS E COMPAÑEIROS,

A conmemoración dos sucesos de Chicago do 1886 que deron lugar ó establecemento tres anos despois, do 1º dia de maio como dia internacional da clase obreira, ven marcado este ano 2010  por unha situación socioeconómica realmente preocupante.

Levamos anos asistindo a unha continua sangría de perda de postos de traballo, chegando neste ultimo mes a superar o 20%  de taxa de desemprego no estado español e mesmo converténdonos, segundo o ultimo informe da Enquisa de Poboación Activa (EPA), na comunidade que máis emprego destruíu no primeiro trimestre do ano . Mes tras mes milleiros de compañeiros e compañeiras ven como pasan a unha  situación de desemprego da que cada vez resulta máis difícil saír. So o sistema de protección social permite paliar a dramática situación dese millón de familias que teñen a todos os seus membros desempregados. Pero os meses pasan e as prestacións son limitadas co resultado de que a situación destas familias vaise complicando cada dia máis.

Ante este drama social é imprescindible a creación de emprego e o  reforzamento dos mecanismos de protección e inclusión social.

Debemos loitar pola creación dun Salario de Inserción Laboral que garanta un poder adquisitivo mínimo para toda a cidadanía do noso país. Porque ninguén debe quedar excluído nin marxinado por non ter uns recursos mínimos para manter un aceptable nivel de vida.

Os servizos básicos como o ensino, a saúde, a asistencia social  e demais logros da chamada sociedade do benestar teñen que estar garantidos para toda a cidadanía e teñen que partir da premisa da universalidade e gratuidade como servizos públicos e de calidade.

A creación de emprego virá dada pola reactivación económica. Partindo desta evidencia apostamos por unha implicación sen complexos das administracións nesta tarefa, endebedándose o que sexa necesario para provocar o despegue de distintos sectores  que modernizando o noso tecido produtivo, aumentando a produtividade das nosas empresas, mellorando as infraestruturas, cambiando a nosa sociedade para convertela nunha sociedade máis respectuosa co noso entorno, mellorando os servizos sociais… que facendo, por tanto, unha inversión de futuro permitan crear agora  empregos estables con salarios dignos, pero que ao mesmo tempo senten as bases dunha  futura economía produtiva e non especulativa, social e medioambientalmente máis xusta e o tempo máis competitiva.

Paralelamente a estas medidas é preciso loitar por cambios regulamentarios a nivel estatal como unha  autentica reforma fiscal que faga pagar máis ás grandes fortunas e que propicie a realidade de  unha verdadeira progresividade do sistema impositivo do estado. Tamén loitamos por cambios globais que graven os movementos especulativos do capital transnacional e que se regule firmemente o sistema financeiro a nivel mundial. Que non permitan que as mesmas axencias  de calificación que non detectaron a gran burbulla que nos levou a esta situación sigan a marcar as regras dun xogo no que o capital especulativo manexa impunemente as economías dos países como antes o fixera co petróleo, cos alimentos, co mercado inmobiliario etc.

En todas estas cuestións das que fixen referencia falei de que había que LOITAR, e non foi por casualidade. Efectivamente, para cambiar este modelo económico  neoliberal que nos leva unha e outra vez, ciclicamente, á crise,  á ruína , ao paro, á miseria, ás abismais diferenzas de clases… para cambialo non basta con QUERER, non chega con PROPOÑER, non é suficiente REIVINDICAR: HAI QUE LOITAR. Loitar con todas e cada unha das armas que temos ao noso alcance: a política, o sindicalismo e  a mobilización. E digo loitar porque en fronte temos un inimigo que ten moitas cabezas e  que está moi ben organizado, non perde o tempo e non ten escrúpulos .

A nivel político temos un goberno do estado que non responde as nosas expectativas de modelo socialista. Enchese a boca a falar dun novo modelo económico, da economía respectuosa co  medio, da investigación e a formación como alicerces desa nova economía, pero na practica as súas medidas responden as directrices que lle van impoñendo dende o propio sistema capitalista. Non ataca as raíces do problema, e despois de aprobar medidas ineficaces e insuficientes lévanos cara as reformas laborais que sempre defenderon os neoconservadores.

Na Xunta de Galiza temos o exemplo máis palpable do que significa a alternativa que a nivel estatal pode representar o PP. Cando chegaron á Xunta hai un ano prometían que en corenta días reactivarían a economía do pais. Pois debéronlle reactivar a economía  aos Srs. Gayoso e Méndez e a poucos máis…    O seu ano de goberno defínese en tres liñas mestras -Desmantelamento de servizos básicos, -privatización do público e -ataque sen precedentes á nosa cultura e ao noso idioma. Esas foron as directrices que guiaron a súa actuación.

Entre os chamados axentes sociais temos a patronal CEOE dirixida polo Sr. Díaz-Ferrán, ese modélico empresario, do que case é mellor non falar. A mesma confederación de empresarios que hai dous anos pedían a socialización da bancarrota, o rescate do Estado de bancos, aseguradoras e inmobiliarias están a piques de conseguir a tan ansiada durante décadas rebaixa dos despedimentos.

Pero para iso contan cuns aliados fieis: os sindicatos españois. Sindicatos que levan anos sendo cómplices do decaemento sistemático do poder adquisitivo da clase traballadora do estado español; sindicatos españois que levan anos adormecendo e desmobilizando á esa clase traballadora á que din representar e defender; sindicatos españois que durante a maior crise económica vivida por este pais miran cara outro lado e non queren mobilizarse nin ir a unha folga xeral; sindicatos españois que intentaron distraer á cidadanía co globo sonda do aumento da idade de xubilación mentres  asinaban, por detrás, un “pacto salarial” coa CEOE que na práctica conxela os salarios durante tres anos, e polo tanto provoca un novo ataque ao noso poder adquisitivo, o que repercutirá negativamente na activación da economía a través do consumo.

Pois si, eses sindicatos españois xa falan abertamente de asinar unha reforma laboral que contemplaría entre outras cousas a rebaixa dos despedimentos. Por iso dicimos NON AOS PACTOS SOCIAIS que nos levan á ruína e a perder dereitos.

Como vedes son moitos inimigos e todos eles comparten o principio de que este sistema válelles. Pero o sindicalismo galego, o sindicalismo da CIG, vai demostrando que  outro sistema é posible. Paso a paso, co aumento da nosa afiliación, da nosa representatividade cuestionamos  as súas teorías e rompémoslles ese discurso coral que entre todos eles entoan. Somos efectivamente unha voz critica e molesta á que non dubidan en marxinar e tentan excluír, pois a nosa presenza, o noso discurso, desenmascáraos e preséntaos diante da sociedade como o que realmente son: instrumentos ao servizo do  sistema capitalista.

Compañeiras e compañeiros, a loita pola xustiza, polos dereitos civís e laborais, a loita pola defensa do idioma propio da nosa terra, da nosa cultura, da nosa identidade como pobo e do dereito de autodeterminación sempre foi dura. Moitas compañeiras e compañeiros deron as súas vidas en pos destes valores, dunha sociedade máis xusta, máis libre e máis igualitaria.

Para manter o conquistado, para melloralo e amplialo temos que Loitar dia a dia, empresa por empresa, batalla a batalla , sen desánimo, con ilusión…
Compañeiras e compañeiros,

Viva o 1º de Maio!
Viva a Clase Traballadora!
Viva Galiza Ceibe!

Exit mobile version