Site icon Crónica3.com A Mariña

A conselleira de Sanidade non respondeu con claridade sobre o futuro da área sanitaria da Mariña, asegura o BNG

NOTA DE PRENSA:
EN RESPOSTA AO BNG, A CONSELLEIRA DE SANIDADE MANTÉN EN ENTREDITO O FUTURO DAS ÁREAS SANITARIAS DE MONFORTE, A MARIÑA, VALDEORRAS E O SALNÉS

Ana Luisa Bouza preguntoulle até 3 veces, sen obter resposta, á conselleira de Sanidade se estas áreas van ter xerencia integrada propia ou van depender de Lugo, Ourense e Pontevedra

Santiago de Compostela, 12 maio 2010.- A conselleira de Sanidade , Pilar Farjas confirmou esta mañá que o futuro das áreas sanitarias de Monforte, A Mariña, Valdeorras e O Salnés está en entredito xa que seguiu mantendo a confusión sobre a súa continuidade.

A conselleira de Sanidade respondeu esta mañá no Pleno Parlamento Galego responder a unha pregunta da portavoz de sanidade do BNG, Ana Luisa Bouza, sobre o futuro destas áreas sanitarias.

“Vaise crear unha área de xestión integrada nas actuais áreas sanitarias de Monforte, Valdeorras, A Mariña e O Salnés que abarquen o mesmo territorio que as actuais e que incorporen os recursos de atención primaria?”, inquiriu a deputada nacionalista

A parlamentaria do BNG subliñou que “a xente desas comarcas mobilízase porque entende que se pasan a depender dos hospitais de Lugo, Ourense ou Pontevedra vai empeorar a atención sanitaria, porque serán relegados á hora de adxudicar recursos económicos e humanos”.

“Deixen de xogar á confusión cos cidadáns e aclaren se estas áreas van ter xerentes executivos que dependan dos hospitais provinciais de Lugo, Ourense e Pontevedra ou vanse converter en áreas de xestión integradas propias e independentes. Pídolle que sexa clara e que deixen de crear confusión na cidadanía”, preguntoulle a deputada do BNG até por tres veces.

Porén, na súa resposta a conselleira de Sanidade volveu incidir en que “eu non xestiono o territorio, só nos preocupa mellorar a calidade da asistencia sanitaria” e en ningún momento afirmou con claridade que estas áreas sanitarias se converterán en áreas de xestión integradas, integrando a atención primaria, e sen depender dos hospitais de Lugo, Ourense e Pontevedra.

Para a deputada do BNG a negativa da conselleira de Sanidade a responder de xeito claro “fainos entender que o futuro destas áreas sanitarias queda en entredito”.

Ademais, Ana Luisa Bouza criticou que “o Partido Popular diga que se está enganando á xente con este tema, cando os que enganan son vostedes, que manteñen a confusión de forma deliberada, dicindo nesas comarcas que se manteñen e no Parlamento non garante para nada que estas áreas sanitarias vaian manterse como áreas propias de xestión integrada”.

“A xente vive nun territorio, con problemas para desprazarse, e iso tamén debe preocuparlle ao Goberno do PP”

Por outra parte, Ana Luisa Bouza, amosa a súa preocupación porque “a titular de Sanidade insista en que o territorio non lle interesa”. “Aos galegos e galegas si lles interesa, porque viven nun territorio, con moitos problemas de falta de infraestruturas, con moita xente maior con problemas de mobilidade que tería moitas dificultades para desprazarse por exemplo dende O Barco a Ourense ou dende A Mariña á cidade de Lugo, e porque entenden que suporía un empeoramento na atención sanitaria”, subliñou a deputada nacionalista.

Exit mobile version