Site icon Crónica3.com A Mariña

A delegada da Xunta desmente que se vaian pechar comedores escolares na provincia

LUGO .- A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, desmentiu “rotundamente que se vaia pechar ningún comedor escolar na provincia”, manifestando ao mesmo tempo a súa sorpresa polas declaracións realizadas por algúns sindicatos en torno a este asunto, que considera “malintencionadas”.

Arias declarou que as afirmacións sobre o presunto peche de comedores foron realizadas “a sabendas de que o que afirman é falso”, posto que en ningún caso se contemplou esta posibilidade e o único proxecto existente sobre reordenación de persoal responde á iniciativa aprobada no ano 2007 polo goberno bipartito “coa aquiescencia deses mesmos sindicatos”.

A delegada indica que a Consellería de Educación en ningún caso pechará ningún comedor. “Prevé unha xestión indirecta dos comedores de tres colexios da provincia, en Ourol, Ribeira de Piquín e Cervantes, o que non significará mingua na calidade do servizo”, explicou.

En canto ás especulacións sobre o futuro doutros comedores escolares, Raquel Arias insiste en que están foran de lugar e non teñen razón de ser “como non sexa desviar a atención dos serios problemas que agora mesmo teñen que afrontar as familias con un tema que non constitúe un problema, porque a permanencia dos comedores e a calidade do servizo que se presta aos nenos e nenas está garantida”.

Lembra a delegada que os sindicatos CC.OO e CIG prestaron o seu apoio á normativa que recolle a reordenación de persoal pola que, segundo erroneamente deducen agora, van desaparecer os comedores. O axuste do persoal de cociña responderá ás ratios establecidas no Decreto do 6 de febreiro de 2007 e na Orde que o desenvolve, de data 21 de febreiro do mesmo ano.

Segundo a dita Orde, aos comedores de ata 75 comensais correspóndelles contar cun oficial de cociña; aos que teñen entre 76 e 150, un oficial e un axudante, e os de 151 a 250 comensais contarán con dous oficiais e dous axudantes.

“Isto non quere dicir que se vaia a prescindir das persoas que agora mesmo están desempeñando prazas a amortizar, senón que evidentemente son postos a extinguir no futuro, a medida que queden vacantes”, explicou Arias.

Exit mobile version