Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación dotará a 66 casas consistoriais de conexión a internet de dous megas como mínimo

LUGO .- A vicepresidenta segunda da Deputación, Lara Méndez, anunciou que o Consello Reitor do INLUDES aprobará un prego que garantirá ós Concellos unha conexión á Rede de 2 megas como mínimo e investirá máis de un millón de euros na implantación da banda ancha en 66 Casas Consistoriais .

Nota de Prensa

A Deputación inviste máis de 1millón de euros na implantación da banda ancha en 66 Casas Consistoriais

– A Vicepresidenta Segunda anuncia que o Consello Reitor do INLUDES aprobará un prego que garantirá ós Concellos unha conexión á Rede de 2 megas como mínimo

– O organismo provincial abre un concurso para dotar ás Casas Consistoriais dun servizo de calidade que permita a comunicación inmediata cos veciños

– Lara Méndez subliña que “en tempo record, implantamos a e-administración. Agora só queda que a Xunta faga a seu traballo, e dote ós lugueses de Internet”

– O Club de Innovación, un portal refente en España, ofrecerá información sobre o Innova-TE como exemplo da implantación da Sociedade da Información no rural

A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, adiantou este xoves que o organismo provincial aprobará no Consello Reitor do INLUDES de mañá un prego, dotado de 1.075.200 euros, para levar a banda ancha a 66 Casas Consistoriais da provincia. Con este orzamento, que se inclúe dentro dos 9 millóns que a Deputación inviste no Innova-TE, o organismo provincial segue a desenvolver este ambicioso programa tecnolóxico que permitirá a implantación da administración sen papel na provincia, aberta 24 horas, e os 365 días ó ano. Lara Méndez subliñou que “abrimos un novo concurso que garantirá ós Concellos, no prazo de 12 meses, unha conexión a Internet de 2 megas como mínimo”.

Esta iniciativa supón un avance sen precedentes en Lugo xa que, por un lado, porase fin ós problemas de acceso á Rede que, debido as condicións orográficas, existen na maior parte dos Concellos lucenses, e por outro, dotarase dun servizo cunha velocidade de conexión que permitirá a comunicación inmediata entre os veciños e a administración.

Deste xeito, a Deputación levará a cabo, en cada municipio, as obras necesarias, como por exemplo, abrir zanxas para achegar a fibra óptica, ou mesmo instalar antenas e satélites; priorizando as tecnoloxías de cable sobre outras, para así evitar bloqueos e desconexións inesperadas que impiden prestar un servizo áxil e eficaz ós cidadáns. Lara Méndez salientou que “dotaremos ás Casas Consistoriais da autopista necesaria que permitirá culminar a implantación da administración electrónica en Lugo”.

Nos vindeiros días, o organismo provincial convocará un concurso aberto a todas as empresas relacionadas co sector. Recibidas todas as ofertas, celebraranse varias mesas de contratación, onde estarán presentes todos os grupos políticos para garantir a máxima transparencia e publicidade no proceso de adxudicación.

Máis do 45% dos veciños sen Internet

A responsable da área de Promoción Económica e de Emprego deu conta dos datos dun informe público realizado pola Xunta de Galicia no que se constata que, na actualidade, máis do 45% dos lucenses non teñen acceso á rede. Ademais, Lugo, seguida de Ourense, é a provincia con menor cobertura da ADSL da Comunidade. Neste senso, salientou que “nós facemos os deberes: en tempo record, implantamos a Administración electrónica na provincia, e dotamos dunha banda ancha de calidade ás Casas Consistoriais. Agora só queda que o Goberno galego faga a seu traballo, e dote ós lugueses de Internet”.

A Deputación, grazas ó Innova-TE, rematará coa fenda dixital nos Concellos a mediados do 2011. Pola súa banda, o Goberno autonómico marca o horizonte de 2013 para mellorar o acceso dos galegos á banda ancha. Lara Méndez destacou que “nós facemos un esforzo moi importante, pero o noso traballo non é suficiente se a Xunta, administración con plena competencia nesta materia, non pon a disposición dos veciños a banda ancha necesaria para que poidan realizar, dende a casa, os 120 procedementos que a Deputación lles ofrece co Innova-TE ”.

Éxito en España

O organismo provincial de Lugo é a primeira administración en Galicia que aporta unha solución integral para a implantación da e-administración na provincia. Co Innova-TE, Lugo da un salto de 0 a 100 no campo das novas tecnoloxías. O programa tecnolóxico da Deputación é xa un éxito en España. Proba diso é que, o portal Club de Innovación, un espazo referente no país que fomenta as prácticas innovadoras para as administracións públicas, publicará toda a información deste proxecto como exemplo para outras Comunidades da implantación da Sociedade da Información no rural.

Exit mobile version