Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación resolve o contrato da estrada de Reiriz a Espiñeira, en Foz, para facerse cargo do 100% da obra

LUGO .- A Xunta de Goberno aprobou este venres a adxudicación provisional do remate das construción de accesos ó parque de Paradai a Construcións Sanle Lugo. Esta actuación, que ten un orzamento de 1.521.407 euros, inclúese dentro do Plan Extraordinario de Obra Pública aprobado no mes de abril e creado para anticiparse á saída da crise sen aumentar a débeda pública, e para manter os postos de traballo existentes.

O voceiro provincial socialista, Antonio Gato Soengas, lembrou que “a Deputación desbloqueara en decembro a situación na que se atopaba esta estrada porque a empresa adxudicataria atravesaba dificultades económicas polo que lle era imposible rematar os traballos, o que fixo que estes levasen todo este tempo. Para resolver a situación mativéronse varias reunións e, finalmente, acordouse rescindir de mutuo acordo o contrato asinado entre a Deputación e a empresa o 3 de marzo de 2008. Agora adxudicámola de novo co obxectivo de rematala ó longo deste ano”.

A construción da rúa Pedáneo Xoán Diego é a terceira obra do Plan Paradai que acomete a Deputación. As dúas anteriores foron a construción da Ponte Romai, con enlaces na Segunda Ronda e a Rotonda da Rocha, e a prolongación da Avenida Duquesa de Lugo. Pola marxe dereita, ó longo de 500 metros colinda co parque fluvial de Paradai e, polo esquerdo, coa Duquesa de Lugo. Ten unha lonxitude de 750 metros e 16 de ancho. O proxecto contempla a construción de dous carrís de circulación, beirarrúas, e aparacadoiros.

Asimesmo, declarouse resolto o contrato e devolver a garantía definitiva de 15.967 euros constituída no seu día pola empresa para a execución da obra de Reiriz a Espiñeira, en Foz. Gato Soengas salientou que “foi a empresa a que nos fixo esta petición e, finalmente, o contrato resolveuse de mutuo acordo”. Nesta estrada, que foi visitada en días pasados polo Presidente e que se inclúe tamén dentro do Plan Extraordinario de Obra Pública, a Deputación investirá máis de 500.000 euros. A anterior coorporación provincial deixou licitado e contratado neste vial un proxecto para o acodicionamento de 400 metros, concretamente dende Reiriz a Espiñeira; pero non o executou porque non expropiaron os terreos.

A Deputación retoma e mellora esta iniciativa facéndose cargo do 100% da estrada. Deste xeito, procederase ó acondicionamento da súa totalidade, máis de 2,2 quilómetros. Os traballos contemplarán a mellora de toda a vía, a construción de beirarrúas, o saneamento e abastecemento de agua, a instalación de alumeado público de baixa tensión, así como o arranxo dunha ponte.

Canon de Taboada e saneamento de Bosende

Na sesión de hoxe tamén se acordou o Plan de Obras do Concello de Taboada dos anos 2008-2009 por valor de 358.855 euros. As actuacións que se inclúen dentro das dúas primeiras anualidades son as seguintes: acondicionamento dos accesos a Sobrecedo de Abaixo e Sobrecedo de Arriba (43.471 euros); das rúas Peizas, Polvorín e acceso ó campo da festa de Vilar-Vilela (35.670 euros); e dos acceso As Neves-Xián (151.890 euros); Insua-Vilar (59.358 euros) e de Castelo-Ider (68.466 euros).

O voceiro provincial socialista destacou que “a Deputación salda esta débeda histórica con este municipio, quedando 179.433 euros, que se incluirán na anualidade de 2010. Neste senso, lembrou que no Pleno deste mes aprobaranse as obras e investimentos do canon de Chantada deste ano e a cuantía para o resto de municipios que teñen produción hidroeléctrica. Precisamente, as obras que se executarán nos 16 municipios inclúense no Plan Extraordinario de Obra Pública. Suman un total de 3.682.760 euros, de tal xeito que 1.649.802 corresponden ó municipio chantadino e o resto, 2.032.958 euros, ós outros 15 Concellos afectados polo canon.

A Deputación porá a disposición do Concello de Lugo os terreos para que o municipio da capital leve a cabo as obras necesarias para a canalización, ocupación do subsolo e instalación dun colector que servirá para o saneamenteo de augas residuais en Bosende de Abaixo. A Xunta de Goberno acordou o convenio de colaboración no que se establece que o saneamento afecta a dúas parcelas, unha de 23,60 metros cadrados e, a outra, de 324,61 metros cadrados de parcelas. Tamén inclúe a instalación dunha canalización de 0,35 metros, situada a 1 metro de profundidade.

Outros acordos da Xunta de Goberno

Aprobouse a contratación das obras de adecuación do edificio do calexón sur do Pazo de San Marcos, así como o seu saneado exterior, construción de aseos adaptados e eliminación de barreiras arquitectónicas na pranta baixa, e instalación de calefación independente. O importe desta actuación, que se debe ós importantes problemas de humidade que sofre esta zona do Pazo, é de 120.105 euros. Tamén se deu o visto e prace á adxudicación provisional da mellora de espazos existentes na pranta baixo cuberta, ala sur e frontal do Pazo por importe de 227.165 euros; espazo no que se vai instalar o persoal encargado de programas europeos como o Innova-TE.

Asimesmo, a Xunta de Goberno acordou o pagamento de 19 contas xustificativas do Plan de Comunidades Veciñais de 2009. Suman un total de 114.052 euros, dos que a Deputación achega 84.610. Pertencen ós Concello de Abadín, Becerreá, O Corgo, Lugo, Monterroso (2) Pantón, Ribadeo, Taboada, e O Valadouro.

Tamén se lle deu o visto e prace ó convenio de colaboración entre o Centro de Interpretación Avifauna e a Deputación para o fomento de actividades orientadas á difusión, promoción e formación en materia de conservación de fauna e dos espazos naturais.

Exit mobile version