Site icon Crónica3.com A Mariña

A profesora de artes do IES Monte Castelo, Helena Fidalgo, repasa a súa traxectoria de Mozambique a Burela

BURELA (Laura Ramos Cuba) .- A profesora Helena Fidalgo de Lemos – Lena Lemos -, docente da especialidade de Artes no IES Monte Castelo, expón unha selección da súa obra pictórica na sala de exposicións da Casa da Cultura de Burela. A mostra, permanecerá aberta até o 5 de xuño, desde o 15 de maio, ás 20:00 horas.

Entrevista a Helena Fidalgo

Atópome con Helena Fidalgo na aula de debuxo do IES Monte Castelo, no que actualmente imparte clases ao Bacharelato de Artes. Ao comezar a entrevista o ambiente semella algo tenso, mais a calidez e simpatía da pintora fan que desapareza con rapidez.

Familia de artistas do Mozambique colonial
Nacida no Mozambique colonial, é neta de portuenses, por parte materna, e de portugueses afincados en Goa (India), pola paterna. Gozou desde a máis tenra infancia dun ambiente familiar aberto e acolledor, rodeada de primos e multitude de obxectos cos que espertar a súa curiosidade. Cunha tía e un tío pintores, un tío poeta e un núcleo familiar amante da música, do teatro, dos espectáculos, das visitas a museos e exposicións,… tivo a estimulación precisa da súa creatividade e imaxinación que a influíron profundamente.

Conxuntamente con isto, o traballo de funcionario de seu pai obrigábaos a viaxar dun lado para outro, vivindo a cabalo entre O Porto e diversos lugares de Mozambique. Non adoitaban ficar máis dun curso escolar en cada sitio. Este feito, lonxe de disgustar a Helena, conformou a súa personalidade aberta e afábel cara o mundo. Garda moi gratas lembranzas de cada sitio: de África menciona a natureza, os ríos, as partidas de caza, toda a fauna -crocodrilos, leóns, hipopótamos,…- a música e as cores de Inhambane, o mar, os barquiños… todos eses elementos que marcaron, en forma de poesía, a súa mente de apenas sete anos.

Estudos de Belas Artes no Porto
Porén, “O Porto pasou a ser o meu mundo de fantasia. A casa dos meus avós era enorme, con moita familia. Un piano, varias plantas. Todo un mundo para averiguar. Unha casa como unha selva por descubrir, un quintal enorme….”. Foi nunha desas viaxes á cidade portuguesa cando descubriu a escola de Belas Artes. “A escola era moi poética, víala dende o exterior, con todos os xardíns….Toda a xente paseaba ao lado, sen fixarse, coma se fose doutro planeta. Moi poético…E eu decidin ir ao Porto, non a Lisboa nin a outro sitio. Dende pequena quixen ir a esa escola de Belas Artes estudar, ser pintora.” Como xa apuntaba maneiras na pintura, e tras recibir clases de deseño nunha cooperativa de artistas en Lourenço Marques (actual Maputo), pasou o exame de acceso á carreira de Belas Artes.

Desexo cumprido. Mudouse ao Porto e pasou a vivir na casa de seu avó, un home liberal e marabilloso que lle permitiu montar o seu propio taller de pintura no salón, onde verter todo ese mundo fantasioso e imaxinativo que ela levaba dentro. O olor a pintura e a súa presenza tomaron o control da casa en pouco tempo.

En canto aos estudos, nunca tivo problema. A súa bagaxe polo mundo deparoulle máis dunha sorpresa: reencontrouse cunha antiga compañeira maior que ela e xuntouse entón ao grupo do último curso e puido disfrutar dos privilexios deles e compartir grandes experiencias: “tiñan organizadas as mellores viaxes, as exposicións máis interesantes e eu xuntábame a eles, encantadísima, gardo moi boas lembranzas deses tempos… unha das raparigas tiña mesmo unha casa grande abandonada e alí fixemos un estudio enorme para estudar e pintar. Participamos en coros musicais, espectáculos teatrais,...” Efectuaron ademais moitas viaxes coñecendo outras cidade, por exemplo Lisboa. Helena empapábase de todo o que a arrodeaba. “Como era xente maior, dicían de saír pola noite. Entón íamos coñecer Lisboa á noite. Aquilo era máxico! Tiña tamén compañeiros que, segundo con cal andaras, coñecías unha zona determinada do Porto: a zona da Ribeira, a da Foz, a da Boa Vista,…..” relátanos animada.

Nunha destas viaxes cruzou por primeira vez a raia e chegou a Galicia. Nunha actividade co profesor de Historia desprazáronse a Santiago de Compostela para coñecer o románico. Ela ficou prendada da capital, sobre todo da vista nocturna, co contraste de luces e sombras nas pedras monumentais. Foi, segundo relata, unha viaxe marabillosa, chea de música e conversas animadas durante as longas horas.

A revolución dos craveis
A vida estudantil de Helena, tan vital e interesante, mudou totalmente durante o segundo ano de carreira. Aconteceu un suceso histórico que marcaría un antes e un despois na situación política do país: a Revolución dos Cravos. “Foi unha abertura total, un cambio radical no ensino da escola. Mudaron os profesores, as materias… reestruturouse todo. Na revolución, entre tanto, formábanse grupos e a escola, conxuntamente coa de Arquitectura, no edifico contiguo, abriuse colaborando con eles. Facendo cartazes, mobilizacións… Sempre dábamos apoio, ás veces até estábamos toda a noite alí.” Tamén se sumou a un grupo de apoio aos moradores, para construír casas de mellores condicións para os seus habitantes.

Na escola de Arquitectura, xustamente ao lado da de Belas Artes, coñeceu o seu futuro marido: o arquitecto Xoán Casabella, do Valadouro, que logo retornou á Coruña para continuar estudos.

Os pais de Helena tamén se viron influídos pola Revolución en Mozambique, que nese tempo alcanzou a independencia.“Lémbrome ter chamadas da miña nai contándome que todo ía ben, para que non me preocupase, mais logo enteireime de que a independencia de Mozambique fora bastante dura e non gostaban de falar do asunto”.

Seguindo os seus pasos no tempo, Helena rematou os estudos e foi entón cando se dedicou á docencia en Santo Tirso, ao noreste do Porto. A experiencia resultoulle moi gratificante e nada complexa, pois xa tivera experiencias anteriores con nenos en campamentos de verán, traballando campos como a arte ou o teatro. Contounos como disfrutaba da súa “creatividade marabillosa, os nenos teñen unha espontaneidade incrible, canto máis piden eles, máis das ti”.

Chegada á Mariña e residencia na Coruña
Durante o curso escolar, aproveitando unha breve ponte, visitou por primeira vez a Mariña, con motivo da manifestación en contra da central nuclear de Xove. Daquela viaxe lémbrase, sobre todo, do fermosa que lle pareceu a paisaxe, o mar e a xente.

Seguidamente, a pesar de estar feliz no seu traballo, en canto finalizou o ano escolar marchou para a Coruña, para reunirse co seu marido. Alá pasou por un pequeno corte coa atarefada vida anterior. Xa non estaba inmersa en tantas actividades artísticas e culturais, aínda que iso non evitou que seguise a pintar. Pasou a centrarse un pouco no mundo da Arquitectura, que o seu home seguía a cursar, e tamén a dar clases particulares na cidade.  Mais logo lle soubo a pouco e decidiu comezar a impartir clases nos centros educativos de Galicia. Isto supuxo algúns problemiñas coa convalidación do título, que logo foron resoltos.

En canto se sumou ao mundo laboral, o tempo libre minguou visiblemente e tivo que facerlle fronte a unha nova actividade: a maternidade. Comezou, pouco a pouco, a dedicarlle menos tempo ás pinturas e ás súas ideas artísticas. Deixou o óleo e pasou a pinturas de auga, que non emitían un olor tan forte, molesto para o bebé. Reduciu o tamaño das obras, pasa a interesarse por crear  cousas máis pequenas que puidera captar e armar en pouco tempo.

Ao trasladarse cada ano a un sitio distinto, vai coñecendo Galicia moi devagar. Visita un grande número de praias e paisaxes, de onde recolle algas, areas e outros organismos mariños, como as estrelas de mar. Son pequenas cousas que a atraen pola súa textura, forma, composición… Comeza a debuxalas, a fotografialas,…E de aí, pasou a recollelas, secándoas e gardándoas para, máis tarde, comezar a facer “collages”.  Tamén gardaba todo a que a sorprendese e a atraese nos seus cadernos de viaxe, que chegaron a alcanzar tamaños considerables. Recollía calquera cousa colorida e particulares que desviase a súa ollada. Tanto unha flor que atopaba no camiño, como material dun museo ou posto turístico.

Exposición en Burela
Durante anos foi aumentando ese gran almacén de lembranzas minúsculas e esenciais, xuntándoas nun alarde de creatividade en “collages” de rápida montaxe. E é precisamente disto do que trata a súa próxima exposición. “Caminhando”, que se inaugura o día 15 de Maio, na Casa da Cultura de Burela. Foron retallos dunha etapa, pequenas mostras minúsculas do que se vai atopando no camiño, todos eses detalles que conforman o esencial da vida. Mediante a súa peculiar visión da nosa terra, do gusto pola nosa paisaxe, a xente, o mar, a lingua…. poderemos ver o seu percorrido pola nosa terra.

Agora mesmo, Helena Fidalgo está a deixar de lado esa faceta de collages, texturas e pinturas de agua; e comeza a centrarse en aflorar o sentido artístico e imaxinativo que a caracterizou nos primeiros anos, ese mundo cheo de cores e música dun tempo atrás. Di que as clases que dá agora no IES Monte Castelo están a axudala a sacar á luz toda esa faceta. Ten aínda moitos proxectos por levar a cabo, como un relacionado con poetas da nosa lingua, … Mais haberá que esperar un tempo por eles. Ben seguro que nos han producir unha sensación tan alegre e vital como a que nos deixou esta entrevista.

Exit mobile version