Site icon Crónica3.com A Mariña

Ceden unha finca en San Cibrao por cinco anos para a construción da réplica da goleta “Paca Gómez”

CERVO .- O Concello de Cervo firmou un convenio cos propietarios dunha finca duns 1.800 metros cadrados, situada na marxe esquerda da ría de San Ciprián, para situar neles as instalacións onde se construirá a réplica do “Paca Gómez”.

Nota de Prensa

O CONCELLO FIRMA UN CONVENIO COS PROPIETARIOS DUNHA FINCA PARA SITUAR NELES AS INSTALACIÓNS ONDE SE CONSTRUIRÁ A RÉPLICA DO “PACA GÓMEZ”

* A cesión destes terreos é de xeito gratuíto e terá  unha vixencia de cinco anos

* O equipo de Goberno promoverá  unha homenaxe ao finado pai da familia propietaria deste solar pola súa cooperación amosada co concello non so nesta iniciativa, se non tamén noutras ocasións

Cervo, 6 Maio de 2010.- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, anunciou no día de hoxe a firma dun convenio entre o Concello e e os propietarios dunha finca duns 1.800 metros cadrados situada na marxe esquerda da ría de San Ciprián co obxecto de que o Concello poda dispoñer deles para poñelos a disposición de Portos de Galicia e que este organismo dependente da Consellería do Mar ubique neles as instalacións para os traballos de construción dunha réplica da goleta “Paca Gómez, embarcación tradicionalmente vinculada coa vila de San Ciprián.

A cesión destes terreos ao Concello por parte dos seus propietarios (dona Blanca García Montenegro e os seus fillos Blanca, Diego e Antonio Cora García) é de xeito totalmente gratuíto e terá unha vixencia de cinco anos. O alcalde cervense agradeceu publicamente a boa disposición destes propietarios en colaborar co devandito proxecto, “porque puxeron tódalas facilidades da súa parte para que San Ciprián poda recuperar un dos principais sinais de identidade da súa ría: a construción artesanal de barcos” indicou Villares.

Tamén salientou o apoio de Portos de Galicia e da Consellería do Mar neste ambicioso proxecto, o cal permitirá a San Ciprián albergar a construción por vez primeira en Galicia nos últimos cen anos dunha embarcación destas características con métodos artesanais. “Estamos convencidos de que a fabricación desta goleta producirá un efecto xerador de emprego, ao tempo que  promoverá unha actividade que está en fase de extinción como é a carpintería de ribeira, e  ao mesmo tempo será tamén un compromiso coa riqueza cultural de Galicia, da Mariña e de San Ciprián” sinalou o mandatario local.

Homenaxe

Villares adiantou tamén que o equipo de Goberno local ten a intención de promover unha  homenaxe á familia Cora-García pola súa cooperación co concello, “non só no que atinxe á cesión destes terreos para que se constrúa neles o novo ‘Paca Gómez’, se non tamén por outras facilidades e colaboracións coas que ao longo do tempo nos ten demostrado esta familia o seu amor e a súa vinculación con San Ciprián” recalcou o mandatario local.

A idea do grupo de Goberno local é materializar este xesto de agradecemento nun recoñecemento público da persoa do finado don Purificación Cora Paradela, esposo e pai respectivamente desta familia mediante unha homenaxe que consistiría na colocación dunha escultura na súa memoria nun lugar do terreo que esta familia xa cedeu no seu día para a construción do paseo da ría de Lieiro. “Para isto temos previsto facer xestións diante do servizo provincial de Costas para conseguir o seu patrocinio nesta iniciativa, e estamos seguros que esta petición nosa será ben recibida por parte deste organismo estatal” asegurou o alcalde.

Exit mobile version