Site icon Crónica3.com A Mariña

Cervo tratará en pleno o uso dos locais da Casa do Mar e a desafectación do “Rivera Casás”

CERVO .- O Concello de Cervo ten previsto abordar na sesión plenaria programada para a vindeira semana unha proposta da alcaldía para adoptar un acordo municipal solicitándolle á Tesourería da Seguridade Social a cesión de uso das instalacións da Casa do Mar de San Cibrao para destinalas á realización de servizos municipais, concretamente para situar nos seus baixos o punto de atención á infancia (PAI) e o resto de dependencias baleiras utilizalas para usos asociativos.

Como é sabido, na actualidade a Casa do Mar de San Cibrao posúe unha boa parte das súas dependencias baleiras e dende o Goberno local teñen a intención de dispoñer delas para trasladar nos baixos deste inmoble o servizo de atención infantil, “xa que se trata dunha situación ideal, posto que é céntrica e tería a posibilidade de acondicionar o seu contorno para anexionarlle parte da área verde que o circunda para destinalo como parque infantil e de lecer aos nenos e nenas que utilizan este servizo” indicou o alcalde, Alfonso Villares.

O rexedor lembrou que no último ano o Concello ten remitido distintas solicitudes e mantido conversas cos responsables da Tesourería Xeral da Seguridade Social neste sentido. “As solicitudes feitas neste último ano dende a alcaldía serían suficientes para que este organismo estatal iniciara os tramites de cesión no noso favor, pero aínda así, o que pretendemos é refrendar esta xestión de 12 meses mediante este acordo plenario” recalcou Villares. Neste sentido confiou en que esta proposta sexa apoiada polos membros das restantes formacións políticas municipais, “xa que pensamos que se trata dunha iniciativa que, por un lado redundará na mellora do servizo do PAI e dos nenos que acoden a el; e pola outra permitirá dispoñer dunhas instalacións das cales se poderán beneficiar as asociacións e colectivos do municipio” sinalou.

Desafectación

Por outra banda tamén está previsto que no pleno da vindeira semana se adopte un acordo que permitirá continuar cos trámites administrativos de cara á desafectación dos inmobles do CEIP Rivera Casás coa finalidade de crear nese espazo unha zona de esparexemento de uso público.

Segundo indicou o alcalde, a proposta de acordo non é máis que a continuidade do procedemento iniciado o pasado mes de xaneiro. “O que pretendemos agora é alterar a cualificación xurídica destes inmobles desafectándoos e converténdoos en bens de carácter patrimonial do Concello; para despois e neste mesmo acordo, afectalos novamente coma de dominio público, pero cunha finalidade distinta á educativa que é á que está dedicada actualmente” indicou.

Exit mobile version