Site icon Crónica3.com A Mariña

Comeza a veda do polbo que rematará o vindeiro 5 de xullo

SANTIAGO .-Comeza a veda do polbo que rematará o vindeiro 5 de xullo, así o recolle a resolución do 11 de maio de 2010 da Dirección Xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños, pola que se establece a veda para o polbo para o ano 2010.

REFERENCIA

* A campaña extractiva remata mañá ás 18:00 horas da tarde e retomarase o 5 de xullo ás 6:00 horas da mañá

Santiago, 27 de maio de 2010.- Mañá comeza a veda do polbo que rematará o vindeiro 5 de xullo, así o recolle a resolución do 11 de maio de 2010 da Dirección Xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños, pola que se establece a veda para o polbo para o ano 2010, publicada no Diario Oficial de Galicia do 21 de maio.

Segundo recolle o texto, as nasas de polbo deberán ser levantadas e levadas a porto o venres 28 de maio ás 18:00 horas da tarde e non poderán volver a calarse ata as 6:00 horas da mañá do luns 5 de xullo.

Esta resolución enmárcase na Orde do 22 de decembro de 2009, pola que se aproba o Plan Xeral de Explotación Marisqueira, que desenvolve o plan para a xestión pesqueira do polbo e establece as condicións para o seu desenvolvemento. O artigo 9.1.b) desta orde dispón que “se poderá establecer un período de veda de dous meses continuados no período comprendido entre abril e setembro, tendo en conta o estado do recurso e a opinión do sector afectado”.

Así, tras unha xuntanza cos presidentes das tres federacións provinciais e con representantes do sector, a Consellería acordou establecer a veda. A Dirección Xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños insiste en que o cese da campaña, tal e como conclúen informes técnicos, non resulta eficaz se non se acompaña con outras medidas. Neste sentido, cabe destacar as recollidas no Plan de Explotación Marisqueira de 2010 que inclúen a redución de dúas horas no horario de traballo, o cómputo diario, o mantemento dun quilo na talla mínima e os topes de capturas, todas elas establecidas para garantir a conservación, protección e rexeneración desta especie.

Cambio de horario e dos topes

A partir do 5 de xullo, e tal e como se consensuou co sector, o horario de traballo será de 7:00 a 17:00 horas, en lugar do actual, que é de 6:00 a 16:00 horas. Ademais, ampliarase ata os 210 quilos o tope diario para as embarcacións de 6 tripulantes e ata os 350 quilos na campaña de inverno. Estes novos topes e horarios comezarán a aplicarse unha vez que estea modificada a Orde do Plan Xeral de Explotación Marisqueira, que se publicará antes de que se reanude a campaña extractiva do cefalópodo.

Exit mobile version