Site icon Crónica3.com A Mariña

Novos informes arqueolóxicos avalan a necesidade de conservar e recuperar o Castro da Atalaia en San Cibrao, asegura o BNG

Nota de Prensa

CERVO

NOVOS INFORMES ARQUEOLÓXICOS AVALAN A NECESIDADE DE CONSERVAR E RECUPERAR O CASTRO DA ATALAIA

Informes arqueolóxicos do Castro da Atalaia poñen de relevo a importancia deste castro como enclave marítimo de primeiro orde na costa cantábrica

A Atalaia tivo unha ocupación constante dende a época galaico – romana ate o medievo onde albergou unha factoría baleeira

O goberno local so deixou media hora para ver 262 páxinas de documentación

Cervo, 4 de marzo de 2010. O BNG fixo públicas as conclusións de catro informes arqueolóxicos remitidos pola Delegación Provincial da Consellaría de Cultura ao concello de Cervo. Os nacionalistas insisten na necesidade de conservar e recuperar o xacemento castrexo que sigue ofrecendo datos de alto valor patrimonial sobre a historia de San Cibrao e o seu entorno.

Novos informes arqueolóxicos describen a Atalaia como un enclave marítimo de primeiro orde na costa cantábrica

Os catro informes remitidos pola Delegación Provincial de Cultura ao concello descríbese o asentamento da Atalaia como un enclave ocupado dende os séculos I a III d.C. cunha ocupación permanente até o medievo mediante unha reutilización das súas estruturas e que “puido ser un asentamento de gran importancia como enclave marítimo de primeiro orde na costa cantábrica”. Tanto a boa conservación de moitas das súas estruturas así como as diferentes pezas e útis recuperados “relacionan o castro coa actividade marítimo pesqueira” e describen o seu entramado de vivendas “cun elevado nivel na técnica construtiva como tamén cunha planificación previa”.

Da importancia da primeira ocupación á factoría baleeira do medievo.

As conclusións dos informes aos que o BNG tivo acceso describen o Castro da Atalaia con un “profundo proceso urbanístico de ocupación”, modificado nas diferentes épocas de ocupación mediante a reutilización de materiais como os muíños nas súas estruturas. A pesar da súa evolución e a perda de elementos “antes do comezo dos traballos arqueolóxicos” destaca o importante entramado urbano e os enlousados,  con algunha vivenda “que conserva a súa base enteira”. Da ocupación no medievo destácase a presenza de restos dunha factoría baleeira.

Os nacionalistas insisten en que o Castro da Atalaia debe conservarse e recuperarse in situ como un ben de gran importancia cultural e turística para o concello de Cervo.

O BNG volveu insistir na necesidade de chegar a acordos que permitan a conservación dos restos da Atalaia “in situ, tal como tiña previsto a anterior Dirección Xeral de Patrimonio” e avogou intentar “unha permuta de solo e dereitos urbanísticos co promotor” como solución menos custosa para a administración pública. Aínda así o portavoz municipal nacionalista lembrou que o BNG ten presentado varias iniciativas no Parlamento Galego “para saber cal e a solución que ofrece a actual Xunta de Galiza”

Estúa criticou as dificultades postas polo goberno local para acceder aos informes referidos polo que só puido acceder ás conclusións; foron solicitados o 9 de abril e non houbo contestación até o 22 do mesmo mes, “moito mais tempo do prazo de cinco días que refire o ordenamento, negando as copias solicitadas e permitindo unicamente o acceso aos catro informes que conteñen 262 páxinas durante media hora” polo que o nacionalista “preguntouse que quere ocultar o goberno local para actuar deste xeito”.

Exit mobile version