Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Barreiros agarda que para o novo curso estean rematadas as obras no colexio de San Miguel

BARREIROS (FNC) .- O alcalde de Barreiros, Alfonso Fuente, agarda que ao comezo do novo curso escolar estean listas as obras que acometerá a Consellería de Educación no colexio de San Miguel. As instalacións foron visitadas hoxe pola delegada Territorial da Xunta.

O rexedor explicou que “Raquel Arias visitou hoxe o noso concello para ver unhas necesidades que se estaban demandando dos colexios de San Miguel e de San Cosme e ao mesmo tempo visitou o centro sociocultural, porque nuns días se firmará un convenio para dotalo de mobiliario. A delegada territorial da Xunta viu como funcionaba nese momento o comedor do colexio de San Miguel e departiu coas coidadoras”.

Fuente Parga contou que “no colexio de San Miguel vaise crear unha pasarela cuberta para unir os dous edificios e así evitar que os nenos non teñan que mollarse en días de chuvia porque nun dos inmobles están as aulas tecnolóxicas e noutro as de estudio. Ademais vanse cubrir as columnas do pavillón que eran de formigón e cunhas esquinas moi perigosas para os nenos. Tamén se acometerá a reforma do chan da cociña, se instalará unha porta corredeira para pechar o novo edificio e se acondicionará un parque infantil na zona do patio de recreo”.

Segundo o alcalde o investimento a realizar neste centro ascende a uns 30.000 euros. Alfonso Fuente lembrou que “hai pouco que se dotou a este centro de novas cadeiras e mesas, o que amosa a aposta da Consellería de Educación por Barreiros. E o colexio de San Cosme acaba de dotarse dunha mesa e dunha cadeira especial para unha nena con dificultades de mobilidade, e logo se verán outras melloras neste colexio que poidan ir xurdindo”.

Exit mobile version