Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Burela e a conselleira do Mar falaron de Expomar, do acceso ao porto e da promoción da pesca

BURELA (FNC) .- O alcalde de Burela valorou de xeito positivo o encontro que mantivo este mediodía en Santiago coa conselleira de Mar, Rosa Quintana. Alfredo Llano acudiu acompañado do presidente de Absa e do patrón maior da confraría de pescadores.

Llano comentou con Quintana todos os temas que lle preocupan ao sector e ao Concello e explicou que “un dos asuntos abordados foi o convenio de colaboración con Expomar, algo que queremos renovar sobre todo o ano que ven porque temos feira monográfica. Quedamos en asinar un convenio, enviaremos o borrador que tiñamos de anos anteriores e agardo que non teñamos ningún problema neste sentido”.

O alcalde de Burela preguntou “por algo que preocupa moito que é o acceso ao porto, parece ser que está agora na Consellería de Medio Ambiente a proposta de continuar con esta obra que leva xa bastante retraso. O cambio de proxecto, que conleva a separación da vía do tren nuns 6 ou 7 metros para arriba durante uns 400 metros, xa está rematado e agora o que hai que facer é poñerse mans á obra. Esperemos que en pouco tempo estean traballando e que o novo acceso sexa unha realidade en breve”.

Alfredo Llano manifestou que “falamos tamén da mellora da avenida do Berbés, hai tres curvas que hai que ir recortando para que cando se acabe a obra de acceso ao porto se circule mellor. Por esta vía van pasar moitos camións para chegar á lonxa e á zona antiga. Falamos da flota e da pesca, dos últimos acordos que se están levando adiante, consideramos que hai defender totalmente ós pescadores galegos e sobre todo os intereses concretos de Burela. Queremos que o noso porto sexa cada vez máis importante no Cantábrico e estamos de acordo para preparalo e que así sexa”.

O rexedor burelés asegurou que “analizamos a promoción dos produtos que pescan os nosos mariñeiros, tanto da baixura como da altura. Xa se sabe que desde o Concello estamos desenvolvendo varias campañas, agora esta fin de semana toca a da pescada do pincho, pero hai outras que están por vir como a do pulpo, a do bonito… propuxemos a visita da xente do interior da provincia de Lugo, que veñan a Burela, que coñezan a lonxa e queremos que se conciencien da importancia que ten comer peixe do noso mar. Puxen ao tanto á conselleira de que queremos ofrecer un obradoiro de redeiras e que nos tivera en conta neste sentido”.

Alfredo Llano cualificou de “positiva e correcta” a xuntanza deste mediodía e dixo que “todos estamos de acordo en procurar unha mellora substancial para o noso porto e para a xente que traballa no mar”.

Exit mobile version