Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Cervo emenda a demolición de instalacións públicas como o centro de infantil do Rivera Casás que faría un gran servizo aos cidadáns

Nota de Prensa

MENTRES OS CIDADÁNS SE APRETAN O CINCO O GOBERNO LOCAL DESAPROVEITA OS RECURSOS MUNICIPAIS CON DEMOLICIÓNS DE INSTALACIÓNS PÚBLICAS QUE FARÍAN UN GRAN SERVIZO AOS CIDADÁNS

Os nacionalistas emendaron a proposta da alcaldía para propoñer no seu lugar unha gardería, un Centro de Día Residencial e unha gran praza pública de 2.000m2 nos terreos que hoxe ocupa o Rivera Casás

A actitude do goberno municipal non favorece a ninguén, nin a maiores, nin a nenos, nin ao deporte, nin ao comercio e a hostalería local

Cervo, 19 de marzo de 2010. O BNG criticou o empecinamento do goberno local en defender a demolición de instalacións públicas como e o centro de infantil do Rivera Casás que podería ser reutilizado como gardería municipal, na mesma liña acusaron ao PP de non defender os intereses veciñais ao non aceptar a proposta de construír en terreos que hoxe ocupa o Rivera Casás  o Centro de Día Residencial para evitar o traslado das persoas maiores usuarias dese servizo á periferia da localidade, concretamente no interior das instalacións deportivas da Veiga onde se perderán 2.000m2 de solo dotacional para usos deportivos.

O PP sigue empeñado en demoler infraestruturas públicas aínda que sexa en contra dos intereses veciñais.

O goberno local rexeitou cos seus votos a emenda presentada no pleno de hoxe polo BNG á proposta da alcaldía para o cambio de usos da parcela de 4.500m2 que hoxe ocupa o CEIP Rivera Casás na que se procederá á demolición de todas as infraestruturas alí incluídas para construír no seu lugar unha praza pública. Os nacionalistas defenderon unha proposta alternativa na que se incluía manter o actual centro de infantil e a súa parcela anexa para unha gardería, a construción do Centro de Día Residencial  no espazo que hoxe ocupa o edificio central e a pista deportiva na conato de levala a instalacións deportivas da Veiga e unha gran praza pública anexa ao paseo da ría de 2.000m2 que triplicaría as dimensións da actual praza da Casa da Cultura.

A negativa do PP a aceptar esta proposta non favorece a ninguén.

O portavoz municipal nacionalista, Xoán Estúa, argumentou que “4.500m2 dan para moito e as administracións non están para dilapidar os recursos públicos senón para xestionalos con moderación e eficacia”. O nacionalista referiuse ás intencións do goberno local de demoler todo o equipamento do Rivera Casás e a construción dunha praza que ocupará todo ese espazo, “un proxecto que descoñecemos e para o que non existe financiamento nin en Cervo nin noutras administracións pola situación económica que vivimos”. Para o BNG non ten sentido pretender construír un Centro de Día Residencial en terreos deportivos da Veiga que se perderían, cando hai espazo suficiente no centro do pobo de San Cibrao sen ter que mandar ao maiores á periferia, “no centro do pobo terían paseos, praia, un parque e xerarían consumo no comercio e na hostalaría local”, recalcou Estúa, quen tamén acusou ao goberno local de “pouco razoábel ao prescindir coa súa demolición” dun edifico como o centro de infantil xa construído que ben podería ser utilizado como gardería, algo ao que debe aspirar a corporación e os veciños e veciñas de Cervo. Con estas dúas infraestruturas neses terreos aínda quedaría espazo para unha gran praza pública a carón do paseo do da ría con 2.000m2 de superficie que triplicaría as dimensións da actual praza da Casa da Cultura. Para Estúa a actitude do PP negándose a aceptar a emenda nacionalista “non favorece a ninguén, nin aos maiores, nin ás nenas e nenos, nin ao deporte, nin á hostalaría e o comercio que terían un incremento no consumo dos residentes eu usuarios da futura residencia”.

EMENDA

Xoán Antón Estúa García, concelleiro portavoz do Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego na Corporación Municipal de Cervo, ao abeiro da lexislación vixente presenta a seguinte emenda para o seu debate polo Pleno da Corporación

EMENDA  Á PROPOSTA DA ALCALDÍA SOBRE ALTERACIÓN DA CUALIFICACIÓN XURÍDICA DOS INMOBLES DO CEIP RIVERA CASÁS

Exposición de motivos:

A proposta da alcaldía sobre alteración da cualificación xurídica dos inmobles do CEIP Rivera Casás para determinar a súa afectación como ben patrimonial coa finalidade de crear un área de esparcemento que complemente o paseo marítimo de San Cibrao.

Os terreos afectados cunha superficie aproximada total de 4.500m2 teñen unha cualificación dotacional para usos educativos onde están as até fai pouco instalacións do CEIP Rivera Casás que constan de tres espazos ben diferenciados,  un pavillón deportivo e anexos cunha superficie aproximada de 1100m2, unha pista deportiva aberta cunha superficie aproximada de 590m2, o edificio centra do que foi o colexio Rivera Casás de 1020m2 de superficie aproximada e dúas edificacións de pequenas dimensións que conxuntamente coa súa superficie exterior ocupa 1.300m2 aproximadamente que foi utilizado para dar clases de infantil.

O goberno local pretende a demolición de todas estas instalacións para crear un área de esparcemento para a que non conta con financiamento e dificilmente o vai ter tendo en conta a actual situación económica, xa non só da entidade municipal, senón tamén doutras administracións.

Emparellada a esta situación, pretende a construción dun Centro de Día Residencial na periferia da localidade de San Cibrao cunha superficie en planta de 1.956m2 dentro das instalacións deportivas da Veiga, perdendo por tanto superficie dotacional para usos deportivos e trasladando ás persoas usuarias deste servizo fora do centro urbano da localidade de San Cibrao no que contan con zonas de paseo, praia, parque, e servizos comerciais e de hostalería. Na mesma perspectiva hai que sinalar as intencións xa anunciadas publicamente pola alcaldía de trasladar o Punto de Atención Infantil(P.A.I.) aos baixos da Casa do Mar para o cal serán necesarias obras de adaptación de acordo coa lexislación deste servizo non contando nesa ubicación con instalacións ao ar libre propias sen a perda de zonas verdes públicas nin capacidade de ampliación por non ter a titularidade desas instalacións, tampouco sería posíbel a conversión do PAI nunha gardería á que como membros desta corporación deberiamos aspirar.

O Grupo Municipal do BNG entende que xa existe dentro da superficie de 4.500m2 que hoxe ocupan os inmobles do CEIP Rivera Casás espazo suficiente para a construción do Centro de Día Residencial con 2.000m2 de planta, unha instalación xa construída e adaptada para acoller o PAI con zonas exteriores propias e capacidade para a súa conversión en gardería cunha superficie total de 700m2, espazo suficiente para a dotación dunha praza pública anexa ao paseo marítimo de San Cibrao cunha superficie aproximada de 1.800m2, mais do triplo da superficie que hoxe ocupa a praza da Casa da Cultura.

Polo exposto presenta a seguinte emenda de substitución:

1.- Substituír o punto SEGUNDO da proposta da alcaldía por: Afectar ditos bens patrimoniais ó dominio público coa finalidade de crear un Centro de Día Residencial, Gardería municipal e área de ocio e esparcemento que complemente o paseo marítimo de San Cibrao.

Exit mobile version