Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Foz dille o alcalde que ten que asumir as responsabilidades e resolver os problemas

NOTA DE PRENSA
BASANTA DILLE A RIVERA QUE NON ELUDA AS SÚAS RESPONSABILIDADES NO ABANDONO DO CONCELLO

“ O que ten que facer o alcalde é asumir responsabilidades e resolver os problemas, non negar que existen”

Foz, 21 de maio de 2010.- O BNG de Foz quere manifestar que o alcalde de Foz en vez de admitir a realidade non fai máis que dicir falsidades e intentar eludir responsabilidades no estado de abandono do Concello. No canto de buscar solucións e pisar a rúa, o grupo de goberno prefire mirar para outro lado e seguir apoltronados nos seus despachos de costas ás preocupacións da xente.

As denuncias que o BNG de Foz fixo sobre os múltiples casos de abandono municipal están todas avaladas documentalmente e non hai máis que percorrer a vila e as parroquias para certificar que é verdade. É máis, son os propios veciños e veciñas de Foz quen acoden a nós para denunciar estes feitos e nós llos temos trasladamos en moitas ocasións ao grupo de goberno a través de rogos sen obter ningunha resposta na maioría dos casos: mal estado das beirarrúas, falta de limpeza en vías públicas polos excrementos de animais, papeleiras desbordadas, pistas polideportivas defectuosas, as sinais de toponomia destrozadas, as escombreiras, os vertedoiros, etc, etc. Incluso hai mocións neste sentido aprobadas polo pleno da corporación que sistematicamente non se cumpren.

A proba máis evidente do recoñecemento da súa culpa e de que o BNG di a verdade é que o mesmo día que saíu nos medios a denuncia duns columpios rotos na Praza Martínez Otero foron amañados, cando había máis de 20 días que estaban nese estado. O certo é que esta é a forma habitual de actuar do grupo de goberno socialista: a improvisación e a falta de planificación. Incluso cando se anuncia un plan non é máis que para tapar a súa incapacidade e falta de ideas como se fixo co plan de limpeza de rúas que quedou en pasarlle a mangueira a catro saídas de camións das urbanizacións. Ou cando se anuncia a viva voz un plan de imaxe pública que se quedou en colocar catro carteis de prohibido polo pobo. O certo é que este goberno só goberna para uns poucos deixando o interese público de lado.

O BNG vai a seguir denunciando nos medios todo aquilo que deteriora a imaxe do noso Concello para que se actúe porque parece ser a única maneira de conseguilo. O incomprensible é que todos os focegos teñamos que sufrir a diario esta situación porque seus gobernantes, como neste caso, anden a deriva e queiran xustificar o inxustificable. E desde logo, Foz non se merece esto e animamos á xente a protestar e a denunciar as cousas que vexan mal para que lograr unha rápida solución.

Exit mobile version