Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Ribadeo congratulase de que outras organizacións se sumen as súas propostas

Nota de Prensa

COMUNICADO DE PRENSA DO BNG DE RIBADEO

O BNG de Ribadeo quere congratularse polo feito de que outras organizacións políticas se vaian sumando a propostas desenvolvidas inicialmente desde a nosa formación. Froito dunha actitude construtiva que procuraba ante todo o consenso en torno a unha medida positiva para Ribadeo e o seu porto de Mirasol, o pleno da corporación municipal ribadense fixo súa a proposición de construción dunha estación ferroviaria de carga e descarga de mercadorías no polígono industrial de Ribadeo. Xa que logo, desde ese momento, dita proposta é a de todas e todos os ribadenses.

Dada a calada por resposta por parte do Ministerio de Fomento, o grupo do BNG no Congreso dos Deputados retomou o tema facendo unha proposición non de lei coa proposta saída do Concello de Ribadeo. Foi aprobada, pero aínda agardamos a que Fomento tome cartas no asunto.

Agora comprobamos que o PP tamén fai súa esta proposta e vai emprender unha serie de iniciativas a nivel institucional (Concello, Parlamento Galego e Cortes Xerais). Todo esforzo é pouco. Animamos tamén ao PSdeG de Ribadeo a emprender medidas similares.

En todo caso, temos que lembrar que as iniciativas que se poidan poñer en marcha son de tal calado que de seguro han requirir o esforzo tanto do goberno central (fundamentalmente) como do autonómico. Esixamos desde un comezo o esforzo de cada unha das administracións na medida que corresponda e saquemos adiante, entre todos e todas, as medidas necesarias para promover a actividade portuaria ribadense.

Exit mobile version