Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Xove esixe a reparación da única estrada que vertebra A Mariña

NOTA DE PRENSA
Estrada ou congostra?

O BNG de Xove declarou onte que é competencia da actual Xunta (e obriga do goberno municipal de Xove esixirllo) acurtar os prazos para a consecución da Vía de Alta Capacidade, xa que sen vías de comunicación non pode existir nin Cinto Industrial de Alcoa nin desenvolvemento económico. “Aquí só temos unha única estrada, e mala”, dixeron desde o Bloque.

O responsábel local dos nacionalistas xovenses esixiu a inmediata reparación da única vía de comunicación que vertebra A Mariña ao longo de toda a costa, tanto do tramo que administra o Estado como do que é competencia exclusiva da Xunta, e alegou que “mete medo” viaxar desde Xove cara a Viveiro ou Ribadeo.

Marco López lembrou que nos anos 80, sendo conselleiro de Obras Públicas do goberno de Galiza o ovetense Ángel Mario Carreño (PP), decidiuse que o treito da estrada que vai de San Cibrao a Asturias se xestionaría polo goberno de Madrid e o que vén de San Cibrao a Ferrol sería competencia do de Santiago. Unha decisión inexplicábel, como tantas outras, pola que agora pagamos as consecuencias.

López cualificou de “hipocrisía política” o feito de que, hai pouco máis dun ano, o goberno municipal do PP esixira -con manifestación incluída- que o Corredor Barreiros-Ferrol estivera listo no ano 2011. O goberno bipartito comprometeuse daquela a executalo antes de que rematara 2013, sendo moi criticada esta decisión polo executivo local. Sen embargo, tras o acceso ao goberno autonómico, os populares xovenses defenden na actualidade que o ano 2017 é unha “previsión realista” para o remate das obras. “No canto de esixirlle ao actual goberno o que lle esixiron no seu día á anterior Xunta, calan a boca”, asegurou López, que se preguntou “se iso é gobernar”.

López tamén recordou que o paro vén subindo de xeito considerábel desde que o novo goberno da Xunta está a aplicar a súa “receita económica”. Neste sentido incidiu no potencial económico de Xove, que se por algo se caracterizou historicamente é por ser unha vila industrial e de servizos, cuxo desenvolvemento futuro está moi condicionado á mellora das infraestruturas viarias. “A fachenda non crea benestar”, senón que a mellora da calidade de vida da cidadanía acádase con “iniciativas e traballo”, sentenciou Marco López.

Exit mobile version