Site icon Crónica3.com A Mariña

O concello de Burela entregou o título de socorrismo acuático a sete rapaces que o superaron

BURELA (FNC) .- O alcalde de Burela, Alfredo Llano, entregou nas últimas horas os títulos de socorrismo acuático aos alumnos participantes no curso organizado polas Delegacións de Mar e Formación coa colaboración da Cruz Vermella. Segundo explica Remedios López Villar “son 7 alumnos formados que se unen á lista de profesionais de anos anteriores, e que ademais terán a oportunidade de traballar na época estival sacando unha remuneración económica e logo continuar no inverno cos seus estudios”. A edil socialista sinala que “un ano máis o Concello de Burela da a oportunidade de formar á poboación en materia de mar e socorrismo. É moi importante estar na praia protexido por socorristas profesionais aínda que non estean de garda, iso potencia a seguridade do concello e dos nosos areais”.

Este curso comezaba co módulo de primeiros auxilios de 20 horas o pasado 12 de abril e foi superado polos 16 alumnos participantes. O módulo de socorrismo acuático de 80 horas lectivas só foi aprobado por 7 rapaces e rapazas. Dentro do curso de socorrismo acuático organizado pola Concellería de Mar levouse a cabo un terceiro módulo como novidade neste ano que consistía no aprendizaxe e manexo dun desfibrilador (curso DESA), formación que tiña como duración total 8 horas. Este curso de formación DESA, foi subvencionado na súa totalidade pola Concellería de Formación e Emprego, que dirixe Sonia Fraga. A edil socialista dixo que “decidiuse dende o Concello dar esta posibilidade de participar e ter a maiores esta formación, xa que consideramos que é un dos requisitos indispensables dentro da formación laboral dun socorrista”. Así é, que cada alumno/a acadou a acreditación necesaria para o manexo dun desfibrilador semiautomático, xa que dos 20 alumnos/as presentados neste curso, todos/as pasaron dita proba. O curso de formación DESA foi impartido por un monitor da área sanitaria de Cruz Vermella Española, especializado na área de socorrismo e primeiros auxilios, onde contan tamén cunha ampla experiencia laboral e docente. Sonia Fraga agradeceu a todos os participantes o esforzo, traballo e interese que depositaron.

Pola súa banda, Remedios López lembra que “estamos á espera nos Concellos da aprobación dos plans de cooperación que concede anualmente a Xunta para a contratación dos socorristas, Burela ten solicitado 12 postos. Os interesados que desexen traballar de socorristas polos plans de cooperación é necesario que sexan desempregados e non teñan mais de nove meses traballados acollidos a esta subvención, iso crea estar renovando continuamente o persoal e fomentando o emprego”.

Exit mobile version