Site icon Crónica3.com A Mariña

O concello de Ribadeo oferta unha praza de coordinador do Xacobeo

RIBADEO (FNC) .- O Concello oferta unha praza de coordinador do Xacobeo 2010. Será mediante contrato de obra ou servizo determinado a xornada completa e por un período de duración de 5 de meses, desde o 10 de xuño ao 9 de novembro.

Entre os requisitos que se esixen figuran estar en posesión do título de Ensinanza Xeral Básica, ESO, FP de 1º grao ou titulación equivalente e o permiso de conducir da clase B. Valoraranse os servizos prestados no Concello de Ribadeo, noutras administracións públicas ou en empresas privadas de Ribadeo ou de fora do término municipal en postos de contido análogo ou categoría semellante ao das prazas a que se opta; o coñecemento do idioma galego e a antigüidade no paro.

As funcións obxecto do contrato serán, entre outras, ofrecer información e dar publicidade do programa de Voluntariado Xacobeo 2010 en todas as súas variantes. Captación de voluntarios para a participación no programa. Recepción e coordinación dos voluntarios, tanto locais como chegados de fóra da localidade e servir de enlace e manter permanente comunicación e coordinación cos servizos de Protección Civil da zona.

Os interesados poden presentar a documentación que se lles solicita ata as 14 horas do vindeiro 3 de xuño no rexistro xeral de entrada do Concello. E a proba de selección terá lugar o 8 de xuño ás 10 da mañá na Casa do Concello.

Exit mobile version