Site icon Crónica3.com A Mariña

Os casos de Rinlo e Barreiros son marca da casa do PP que esta a converter nunha lameira a vida pública, asegura o BNG

Nota de Prensa

Estua afirma que os casos de Rinlo e Barreiros son marca da casa do PP

O BNG denuncia que o PP esta a converter nunha lameira a vida pública da Mariña

O Bloque Nacionalista Galego solicita que o Partido Popular aclare se avala a actuación das equipas de goberno de Barreiros en relación cos supostos delictos que lle imputa a fiscalía e a imputación do Presidente de Portos de Galiza en relación coa súa imputación pola licencia concedida a planta de acuicultura de Rinlo.

Neste sentido, segundo informou Xoán Estúa o BNG vai esixir no Parlamento de Galiza a comparecencia do Conselleiro Agustín Hernández a fin de coñecer cal é a posición do Goberno Galego en relación con estes feitos. “Non imos dar por normais actitudes que non teñen cabida na vida pública, cada día que pasa na que estes señores están a ocupar a súa responsabilidade o que están é a estender unha mancha de dúbidas sobre a institución que representan”, afirmou Estúa quen lamentou que “os responsábeis do PP en Lugo en  Galiza están sendo cómplices deste tipo de actuación”.

Na mesma liña, referíndose as declaracións dos populares nas que lle demandaban ao BNG unha solución para o problema de Barreiros, Estua recordou “quen creou o problema foi o Partido Popular no Concello de Barreiros e tamén a nível galego, que avalou unha política que agora lle vai ao peto de todos os galegos, e nese sentido as declaracións do Grupo Provincial do PP non son máis que unha cortina de fume coa que pretende desviar a atención informativa, diante dun grupo de goberno que o día 28 de maio terá que comparecer diante do Xuíz”. Neste sentido Estúa esixiu que o PP aclare como permite a presencia en cargos públicos de persoas imputadas, a non ser que ese sexa o exemplo de representante público que o PP lle quere vender a sociedade galega.

O Vice Portavoz Comarcal do BNG foi máis alá ao afirmar que a día de hoxe o convenio urbanístico de Barreiros está en vía morta, tanto pola moratoria da Lei de Medidas Urxentes que impide definir as actuacións na área dos 500 metros, como pola situación de ilegalidade na que quedan as vivendas unifamiliares e das segregacións que se levaron a cabo en solo de núcleo como pola ausencia de calquera tipo de garantía para facer efectiva a aportación económica por parte dos constructores. “O Convenio non foi máis que un paripé, co que a Xunta pretende atopar unha coartada para deixar de persoarse nos contenciosos abertos” recalcou Estua.

Estua afirmou que a “actitude do grupo de goberno de Barreiros e do Presidente do Portos de Galiza non son unha anécdota, máis pola contra, son un reflexo do lameiral no que está a converter a vida política da Mariña os populares até o punto de queren dar como boa a ausencia de calquera referente ético na vida pública”. “Quen dá por boa estas prácticas, acaba por converterse en cómplice das mesmas ate o punto de que se queda sen ningún tipo de lexitimidade a hora de opinar” afirmou o nacionalista quen lle esixiu a Balseiro que aclare se no suposto de que o Xuíz atope materia penal na actuación do grupo de goberno de Barreiros vai permitir que os mesmos continúen nos seus cargos no Concello de Barreiros.

Exit mobile version