Site icon Crónica3.com A Mariña

Cen profesionais participarán en Burela nas “VII Xornadas galegas de enfermaría nefrolóxica”

BURELA (FNC) .- Cen profesionais participarán o vindeiro 28 de maio en Burela nas VII Xornadas Galegas de Enfermaría Nefrolóxica que hoxe foron presentadas no Concello.

Maite Fernández Tojal, supervisora de diálise no Hospital da Costa e presidenta do comité organizador, subliñou que “ata o de agora estas xornadas sempre se fixeron en hospitais grandes, pero empezou a tocarlle a quenda aos pequenos e comezaron por nós”.

As xornadas tituladas Avanzando no coñecemento da enfermidade renal darán comezo ás 10 da mañá no auditorio da Casa da Cultura cunha mesa redonda na que se falará da prediálise e diálise peritoneal, da mellora da eficacia da hemodiálise e de bioética e a partires das 12:15 horas terán lugar as comunicacións libres “nas que falaremos da calidade de vida dos pacientes, da información que se lles da, de como mellorar o seu estado, de como facilitar o seu coidado e tamén da prevención. Catro relatorios son realizados por catro profesionais do Hospital da Costa”.

Dos 100 profesionais que asistirán ás xornadas “o 30% é do noso hospital e o resto chegados dos outros hospitais de Galicia e un 2% de Asturias”, segundo explicou Maite Fernández Tojal. A presidenta do comité organizador agradeceu “o apoio prestado polo Concello de Burela e pola Dirección de Enfermería, entre outros. As xornadas rematarán cunha comida de traballo”.

Pola súa banda, o alcalde de Burela, Alfredo Llano, dixo que “estamos diante dunhas xornadas moi importantes para previr este tipo de enfermidades que lle afectan ao ril e nós o que queremos e facilitar que estes encontros se desenvolvan no noso concello”.

Exit mobile version