Site icon Crónica3.com A Mariña

Presentouse en Foz o libro “cautiverio de Fingoi” de Ramón Reimunde

FOZ .- Esta tardiña, o delegado de Cultura da Deputación, o nacionalista Antonio Veiga, acompañou ao escritor mariñao Ramón Reimunde na presentación do libro “Cautiverio de Fingoi” que tivo lugar no salón de actos do IES de Foz. O libro , editado polo servizo de publicacións da Área de Cultura da Deputación, trátase dun estudo sobre os anos nos que o mestre Carvalho Calero residiu en Lugo nun período no cal permaneceu como mestre no Instituto de Fingoi.

O delegado de Cultura da Deputación, Antonio Veiga, amosouse satisfeito por poder brindar o apoio necesario de cara a ver editado o libro que hoxe se presentou. Neste sentido, Veiga afirmou que “coa nosa entrada no goberno da Deputación o servizo de publicacións leva a cabo un traballo de edición de numerosas publicacións de grande calidade pola súa significación e aproveitamento para o coñecemento da cidadanía”. Segundo afirmou Veiga, “esta obra de Reimunde ten unha grande transcendencia, xa que vai servir para deitar luz sobre uns anos de Carvalho Calero pouco estudados da vida do insigne mestre e que, ademais, foron relevantes para algúns aspectos da súa vida, da súa escrita ou da súa idiosincrasia no plano sociopolítico”.

Ademais, indicou Veiga, “este achegamento a Carvalho Calero que nos propón Ramón Reimunde conta cun dos mellores avais que podería ter, e non é outro que o feito de que o escribira o propio Reimunde, contrastado coñecedor do panorama literario galego e persoa achegada directamente ao Carvalho Calero de quen nos fala”.

Ramón Reimunde Noreña

Profesor, escritor e empresario. Naceu en San Martiño de Mondoñedo, Foz (Lugo) o 18 de abril de 1949. Realizou os seus estudos primarios na súa aldea natal e o Bacharelato no Colexio Corazón de María (Padres Claretianos) de Xixón. Estudou dous anos de Enxeñería Naval en Oviedo e Madrid, Náutica na Coruña e Filoloxía en Santiago. É piloto e capitán da Mariña Mercante (1978), licenciado en Filoloxía Hispánica (1979) e en Filoloxía Galego-Portuguesa (1982). En 1981 foi nomeado profesor agregado de Lingua e Literatura Galega e en 1992 accedeu á condición de catedrático de Lingua Galega. Ten navegado por todos os mares do mundo como oficial, desde 1972 ata 1979, en barcos españois e estranxeiros. É profesor e xefe de seminario no ensino público desde 1979, con destinos en Viveiro, Lugo e Foz. Desde 1980 compaxina este labor co de empresario forestal, dirixe a empresa Reimunde SAT. É membro da Academia Galega da Lingua Portuguesa.

Foi membro dos consellos de goberno de AGAL e da Asociación Forestal de Galicia. De ideoloxía galeguista, vive unha vida tranquila e familiar no Valadouro, afastado do mundanal ruído.

Publicacións

Poesía completa de Leiras Pulpeiro, Sotelo Blanco (1984), Trebón de Armando Cotarelo, Agal (1984) e Ben pode Mondoñedo desde agora, El Progreso, (1984) (XII Premio Ánxel Fole).

Publicacións colectivas

Comentario de textos literarios, Alhema (1986), Os escritores lugueses arredor de Fole, Concello de Lugo (1986), Actividades de léxico, expresión oral, Bahía (1990) e Actas dos Congresos I, III e IV de AGAL (1987-91).

Tamén realizou a edición de Contos para nenos, Costumes antigos de Galiza de Leiras (1999) e a tradución de Mafalda, Souto (1985).

Escribiu artigos en diversas revistas e nos xornais El Progreso e La Voz de Galicia e deu numerosas conferencias sobre literatura galega.

Exit mobile version