Site icon Crónica3.com A Mariña

A asociación de veciños “O Castro” de Foz reitera o seu apoio á Plataforma Sanitaria

FOZ .- A asociación de veciños “O Castro” de Foz afirma que “entendemos que as reclamacións da Plataforma, que recolle as dos múltiples colectivos que a compoñen, son reclamacións sociais, feitas en beneficio da cidadanía, debendo evitar en todo momento asignarlle unha cor política ou outra” e reitera o seu apoio á Plataforma Sanitaria

Nota de Prensa

A Asociación de Veciños “O Castro” de Foz reitera o seu apoio á Plataforma Sanitaria

Desde a Asociación de Veciños “O Castro” de Foz queremos reiterar o noso total apoio á Plataforma Cidadá en Defensa da Sanidade Pública na Mariña, xa que consideramos que os seus obxectivos non son outros que os de poñerlle voz e cara a unha reclamación social como é a de que a xestión da área sanitaria norte se manteña aquí tal e como ata agora vén sendo. Por suposto que esta Asociación está de acordo con que a capacidade de xestión da área sanitaria de A Mariña se amplíe coa xestión da atención primaria, pero o que non queremos é que a xestión sanitaria de A Mariña pase a depender de Lugo ou de calquera outra área que provoque a perda de autonomía e poder de decisión que ata o momento se viña disfrutando.

Entendemos que as reclamacións da Plataforma, que recolle as dos múltiples colectivos que a compoñen, son reclamacións sociais, feitas en beneficio da cidadanía, debendo evitar en todo momento asignarlle unha cor política ou outra. A sanidade é unha cuestión que pertence a todos, tanto se teña unha ideoloxía política ou outra, con independencia dos recursos económicos e sen importar idade, sexo, raza ou cultura. Pero o que si é certo é que a xestión desa sanidade debe estar o máis próxima posible ó lugar onde se ten que desenvolver e, neste caso, ese lugar está aquí na Mariña, no Hospital da Costa. Permitir que esta área pase a depender a nivel de organización ou xestión da área de Lugo é volver case trinta anos atrás no tempo con todo o que iso conleva tanto a nivel persoal, profesional ou económico.

Por todo iso, desde a xunta directiva de “O Castro” de Foz exhortamos a todos os socios, así coma ás súas familias e amigos, a participar na manifestación que se levará a cabo en Burela este sábado 26 de xuño ás doce horas e que percorrerá as rúas saíndo desde diante do noso hospital ata a Praza da Mariña. Alí vos esperamos

Exit mobile version