Site icon Crónica3.com A Mariña

A choiva desbordou ríos e pontes, inundou vivendas e estradas, e arrasou cultivos en Ribadeo

RIBADEO (FNC) .- Ríos e regatos desbordados, pontes e cultivos arrasados, vivendas e estradas inundadas son as consecuencias que as chuvias caídas nas últimas horas están a ocasionar en Ribadeo. En Covelas, en Vilaframil e en A Madanela continúan os problemas cos anegamentos. A Policía Local está a regular o tráfico agora mesmo na N-634 ao seu paso por Meirengos e á espera de que cheguen á zona a Garda Civil de Tráfico ou o 112 para facerse cargo da situación. A auga invadiu esta estrada nacional e impide que se poida circular con normalidade.

O alcalde, Fernando Suárez, asegura que “os máis vellos do lugar nunca viron unha cousa igual a esta”. Agora haberá que agardar a que deixe de chover para avaliar os danos e para comezar a reparalos.

O rexedor sinalaba esta mañá que “a situación é lamentable e preocupante, os máis vellos do lugar nunca viron tal cousa. Temos problemas nas parroquias costeiras e nas parroquias do interior, entendo que na costa os problemas se agudizaron desde que a autovía A-8 fixo confluir unha chea de regatos pequenos nuns poucos que non dan abasto para levar tanta auga”.

Suárez Barcia engadía que “nas parroquias do interior temos un problema derivado da orografía e tamén polo que me din os veciños, que están moi disgustados, que se atopan con moitos problemas para que a Xunta lles conceda as autorizacións pertinentes para a corta de ramallos e de árbores á beira dos regatos, e agora estas árbores están a obstaculizar os ollos das pontes como é o caso da ponte de Arante, onde xa a Deputación de Lugo pode facer o proxecto para construir unha nova, dado que ésta está a ser arrasada pola auga”.

O alcalde ribadense recoñecía que “temos graves problemas en Arante, en Cedofeita e en todos aqueles sitios nos que as vías de comunicación pasan por pontes, dado que están cegas polas auga, polos troncos e pola vexetación acumulada nos seus ollos. Unha vez que pare de chover veremos os cuantiosos danos causados polas chuvias, hai camiños que levan poucas semanas amañados e haberá que volver facelos, hai pistas que están totalmente destrozadas que haberá que rexenerar…”.

Fernado Suárez cre que “a parte de que a Deputación e a Xunta nos boten unha man desde o punto de vista económico, eu creo que o que hai que facer é un plan conxunto para limpar e desbrozar os regatos e os ríos e o Ministerio de Fomento debe facer un estudio urxentemente para canalizar ben esas augas, que antes non se acumulaban deste xeito. Eses pequenos regatos se converten en ríos e son un perigo. Tamén temos graves problemas cunha explotación gandeira e non damos sacado as vacas porque diante formóuse un río cunha corrente tremenda que impide que as persoas se poidan achegar alí para tentar salvalas. Confiemos en que baixe o nivel e que pare de chover”. Tres veciñas tiveron que ser rescatadas ás oito da mañá das súas casas coa axuda dunha pala excavadora, o rexedor non dubidou en subir ao cazo do vehículo para recoller a estas mulleres que viviron momentos de pánico.

O rexedor considera que “a situación é como nunca se vira para mal. Esperemos que o tempo nos dea unha tregua para valorar os danos e comezar a reparalos”.

Exit mobile version