Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación apoia as reivindicación da Plataforma pola Defensa da Sanidade na Mariña

LUGO .- O delegado de Cultura e Deportes da Deputación de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga, informou hoxe no transcurso da rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno, de que a Xunta de Goberno da Deputación de Lugo acordou apoiar as reivindicacións da Plataforma na Defensa da Sanidade Pública na Mariña e instou a mobilizarse para acudir á manifestación convocada por esta plataforma contra o desmantelamento do Hospital da Costa o 26 de xuño ás 12 da mañá.

Antonio Veiga explicou que, diante da polémica xurdida polas intencións expostas pola conselleira de Sanidade de cara a estabelecer unha xerencia única de ámbito provincial que suporía unha merma na calidade asistencial, diversas plataformas cívicas se xuntaron na defensa das xerencias comarcais, tanto en Monforte de Lemos como na Mariña. A Deputación de Lugo, recollendo estas reivindicacións, decidiu apoiar a convocatoria da manifestación da Plataforma na Defensa da Sanidade Pública na Mariña do vindeiro 26 de xuño e tamén trasladar o acordo ao presidente da Xunta de Galicia, á conselleira de Sanidade, así como aos grupos políticos con representación na cámara galega.

Entre as principais reivindicacións que recolle o acordo, Antonio Veiga sinalou “a existencia dunha área de Xestión Integrada Única propia da Mariña que teña á fronte un ou unha xerente propia, independente doutras áreas”, así como “unha aposta firme e decidida da Consellería de Sanidade da Xunta de Galiza por esta comarca coa ampliación real do Hospital da Costa e número de camas, implantación da Unidade de Oncoloxía, ampliación de Hemodiálise, pleno funcionamento da Consulta Maior Ambulatoria, unha Resonancia Magnética fixa, a hospitalización a domicilio, a posta en funcionamento dos servizos de tarde, os aumentos do cadro de persoal e por suposto o reforzo e mantemento de tódolos servizos e unidades existentes tanto de Atención Primaria como de Especializada”.

Dentro dos asuntos da Xunta de Goberno, Antonio Veiga informou do estabelecemento dos prezos públicos de dous libros editados polo servizo de publicacións da Área de Cultura da Deputación. O primeiro é “A tradición oral na comarca da Ulloa” cun prezo público do libro citado en 10,00 euros de cuxo importe corresponde á Deputación 9,62 euros. O outro dos libros é “A Biblia na iconografía pétrea lucense”, un importantísimo traballo que contou cunha edición de calidade, cifrándose o prezo en 22,00 euros, de cuxo importe corresponde á Deputación 21,15 euros.

Antonio Veiga tamén informou da aprobación da proposta da Área de Cultura e Deportes e da Área de Turismo para que se encomende a SUPLUSA tanto a xestión de persoal como o mantemento dos embarcadoiros e embarcacións das rutas fluviais que esta Deputación organiza nos encoros desta provincia, así como a construción do embarcadoiro dos Peares e a xestión da Escola de Piragüismo.

Exit mobile version