Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación contrata nunha semana obras do Plan Extraordinario por valor de 6 millóns de euros

LUGO .- A Xunta de Goberno deste venres aprobou por valor de 3.480.244 euros a contratación de catro novas obras que a Deputación levará a cabo en seis Concellos da provincia: Mondoñedo, Alfoz, Foz, Guitiriz, As Nogais e Monterroso. Destas, tres corresponden ó Plan Extraordinario de Obra Pública creado para manter os postos de traballo e adiantarse á saída da crise, e engádense ás nove aprobadas a semana pasada.

O voceiro provincial socialista, Antonio Gato Soengas, subliñou que “seguimos desenvolvendo esta macro-programación que é o resultado da boa xestión protagonizada polo actual equipo de goberno da Deputación”. Neste senso, destacou que “isto pon de relevo a celeridade coa que estamos a actuar, xa que o venres pasado aprobamos a primeira tandada deste Plan. É dicir, en tan só 7 días, a Deputación xa contratou obras por valor de 6 millóns de euros”.

Na sesión de hoxe ratificouse o acondicionamento da estrada provincial CP 3101 que vai de Mondoñedo por Alfoz a Foz, e que ten unha lonxitude de 13,2 quilómetros. O importe desta actuación, que pertence ó POS de 2010, é de 1.156.859 euros. Asimesmo, contratouse a pavimentación e servizos na rúa Ubaldo Martínez (As Nogais) por valor de 312.000 euros; e a mellora e dotación de servizos nas rúas Deputación e do Mercado en Guitiriz por valor de 735.000 euros. Estas rúas sitúanse no treito da estrada provincial que atravesa o núcleo urbano e que constitúen o principal acceso de Guitiriz á A-6. Na actualidade, presentan importantes deficiencias, que serán solventadas grazas á actuación do organismo provincial.

A cuarta obra aprobada e que non se inclúe dentro do Plan levarase a cabo no Concello de Monterroso. Trátase da construción do polideportivo e piscina climatizada. O importe desta actuación é de 1.276.485 euros.

Subvencións Consellería de Traballo e Parque Móbil

A Xunta de Goberno aprobou a subvención de 54.430 euros da Consellería de Traballo para a contratación de tres traballadores desempregados por un ano: un diplomado en maxisterio de Educación Física e dous administrativos (técnico superior en administración e finanzas e técnico superior en secretariado). Estes desempeñarán a función na Área de Cultura e Deportes. Neste senso, Gato Soengas destacou que “ó abeiro deste programa, a Deputación solicitou 63 desempregados e agora atopámos que a Xunta, xenerosa ela e austera, só nos dá tres. É un exemplo claro dos recortes e desa idea de facer caixa que ten Feijóo sen importarlle que o paro en Galicia está medrando constantemente”.

A Deputación adquire máis de 21.000 toneladas de áridos para o Parque Móvil provincial por valor de 151.700 euros, que serán empregadas polas máquinas do Parque Móbil para o arranxo, mantemento e limpeza de vías municipais durante todo o ano. O voceiro provincial socialista explicou que o Parque Móbil “pasou de ser un instrumento inutilizado a ser un servizo de auténtica cooperación cos Concellos da provincia. Na actualidade, con esta liña de colaboración aforramos cartos ós Concellos”. Neste senso, puxo como exemplo os 300.000 euros que se destinan ó arranxo das vías municipais dos Concellos da Mariña, nos que a choiva da semana pasada causou cuantiosos danos. “Todas as máquinas do Parque Móbil permanecerán nesta zona da provincia durante mes e medio. Precisamente, o luns o Presidente reunirase con todos os Alcaldes dos municipios afectados para presentarlles o planning a seguir”, apuntou.

Lug02

Tamén se deu o visto e prace ós convenios de colaboración para a creación de tres aulas da natureza dentro do programa Lug02, cofinanciado con fondos FEDER nun 70%. A primeira delas sitúase dentro da Estación de Bioloxía que a USC inaugurou a semana pasada en Folgoso do Courel, a segunda en Guitiriz e, a terceira, en Paradanova (A Fonsagrada).

Esta actuación inclúese dentro da liña de actuación do programa medioambiental, dotada con 950.000 euros. A través desta iniciativa equiparanse as aulas con material necesario para a actividade da mesma. Instalaranse como mínimo dez ordenadores de sobremesa, unha pantalla para o visionado de vídeos, decoración, mobiliario para completar o existente, conexión a Internet, equipo multimedia, etc. Nela levaranse a cabo actividades de información, educación e sensibilización medioambiental, programas educativos para centros escolares, proxeccións audiovisuais ou exposicións temáticas.

Asimesmo, dentro do programa europeo o organismo provincial contrata 18 becas para xóvenes titulados no marco do programa Lug02 por importe de 111.100 euros. Terán unha duración de doce meses que se contarán a partir da incorporación dos bolseiros/as. Os primeiros catro serán en empresas de Europa, e oito restantes en empresas das reservas de biosfera de Lugo e O Courel.

Outros acordos da Xunta de Goberno

A Xunta de Goberno aprobou por importe de 82.808 euros a contratación das obras de acceso de Vilardiaz a Ventorrillo, na Fonsagrada dentro do canon 2008-2009, así como 11 contas xustificativas do Plan de Comunidades Veciñais de 2009 por un importe de 134.800 euros, dos que a Deputación subvenciona 94.148 euros. Pertencen ós Concellos de Castroverde, Folgoso do Courel, Guitiriz (2), Lugo, Pantón (2), Pol, Portomarín, Trabada e Xermade.

Exit mobile version