Site icon Crónica3.com A Mariña

A xunta de goberno da Deputación acordou investir 1,3 millóns de euros en obras en tres concellos

LUGO .-  A xunta de goberno da Deputación aprobou catro novas actuacións por importe de preto de 1,3 millóns de euros, das que tres pertencen á iniciativa creada polo actual equipo de goberno, que se acometerán nos concellos de Lourenzá, Triacastela, Sarria e Begonte.

NOTA DE PRENSA

A Deputación pecha o mes de xuño coa contratación de máis de 7 M€ do Plan Extraordinario de Obra Pública

– A Xunta de Goberno aproba catro novas actuacións por valor de preto de 1,3 millóns de euros, das que tres pertencen á iniciativa creada polo actual equipo de goberno grazas á boa xestión realizada

– As actuacións levaranse a cabo nos Concellos de Lourenzá, Triacastela, Sarria e Begonte

A Xunta de Goberno deste venres aprobou a contratación de catro novas obras que a Deputación acometerá nos Concellos de Lourenzá, Triacastela, Sarria e Begonte por valor de 1.284.060 euros. O voceiro provincial socialista, Antonio Gato Soengas, explicou que “menos a do municipio da Mariña o resto pertencen ó Plan Extraordinario de Obra Pública, dotado con 60 millóns de euros, que puxemos en marcha grazas á boa xestión levada a cabo por este equipo de goberno nos últimos meses”. Neste senso, destacou no mes de xuño o organismo provincial contratou “unha marea de obras” dentro desta iniciativa. En total, 15 actuacións que suman máis de 7 millóns de euros, é dicir,  case 1.200 millóns das antigas pesetas.

Dentro desta macroprogramación, a Xunta de Goberno deu o visto e prace a tres, e son as seguintes: primeira fase da mellora das infraestruturas de abastecemento (334.000 €), en Begonte; construción dun novo campo de fútbol en Sarria (476.324 €); e acondicionamento da rede de saneamenento e dos accesos en Santa María do Monte (324.000 €), en Triacastela.

Ademais, o organismo provincial tamén executará con fondos propios a mellora do drenaxe e seguridade vial da CP 2802 de San Xurxo a Arroxo, en Lourenzá. A esta actuación, que afecta ó treito comprendido entre o punto quilométrico 0,000 ó 2,110, destina 149.736 euros. Ademais, no mes de marzo, o organismo provincial xa acometeu outras obras de mellora no mesmo vial, investindo outros 600.000 euros.

“Por tanto, a Deputación realiza un grande esforzo inversor neste Concello, xa que as obras, que hoxe aprobamos e non están contempladas no proxecto inicial, representan un custe adicional que asumimos tamén con fondos propios”, apuntou o voceiro provincial socialista.

Outros acordos da Xunta de Goberno

Na sesión de hoxe tamén se aprobou a rehabilitación do Centro Social Os Novais, de Quiroga, por importe de 68.395 euros, dentro do canon 2008-2009. A este municipio correspondéronlle nestas dúas anualidades 339.217 euros, quedando para este ano 169.608 euros. “Deste xeito, saldaremos a débeda que esta institución tiña contraída con este Concello e cos outros 15 que non contaban cunha sentenza favorable”.

Asimesmo, deuse o visto e prace a 16 contas xustificativas do Plan de Comunidades Veciñais, das que 1 pertencen ó ano 2007, 3 ó de 2008 e o resto ó de 2009. Pertencen ós Concellos de Taboada, Láncara, Pantón, Sarria, Alfoz, Baralla, Barreiros, Becerreá, Begonte, Lourenzá, Lugo, Monforte de Lemos (2), Portomarín, e A Fonsagrada. Suman un total de 276.207 euros, dos que a Deputación achega 136.192 euros.

Exit mobile version